| AS TARIFAS DO 2006 SEGUEN SENDO DISCRIMINATORIAS NO SUR DE GALICIA
* Vehículos lixeiros Desde a Plataforma cidadá pola supresión da peaxe queremos informar a tódolos medios de comunicación da actualización da nosa páxina web e dentro da mesma das novas tarifas da AP-9 neste ano 2006 que hoxe inauguramos. Sabede que podedes atoparnos en www.randeune.com, www.bonopeaxe.com; www.antipeaxe.com, www.audasa.org (unha pequena broma que lle gastamos á concesionaria para ver se nos compra o dominio que temos rexistrado e financiamos algunha campaña). Agora, xa completamente en serio, temos que analizar como repercuten as novas tarifas nos usuarios da AP-9, especialmente no sur de Galicia que segue sendo a zona máis castigada polas decisións da concesionaria AUDASA co visto bo do ministerio de fomento ano tras ano. De nada valeron as nosas argumentacións enviadas nas cartas remitidas á ministra Magdalena Álvarez nos dous últimos anos. Se estudiamos con atención o cadro anterior podemos comprobar como se incrementa nun 6,6 % precisamente o itinerario que nós definimos como O Morrazo-Vigo pero que non é outro máis que cruzar a famosa Ponte de Rande que mide pouco máis dun km –aínda que as saídas e entradas obrigatorias fannos percorrer 4 km.- Un incremento que aumentará o custo do bono-peaxe dos 15.000 usuarios que o teñen e que tanto Xunta como Deputación de Pontevedra terán que abonar neste 2006. Segundo os nosos cálculos non lle chegarán a ámbalas dúas administracións os 2,6 millóns de € presupostados para este ano 2006. É previsible que siga aumentando o número de solicitudes deste sistema e tamén que a propia Plataforma realice unha nova campaña para que se incremente a demanda dos mesmos. Á Deputación de Pontevedra xa lle pesa a factura e quéixase o seu presidente desde que o seu partido non goberna na Xunta. Antes non dicía nada. O BNG votou en contra neste punto no pleno deste organismo e o PSde G abstívose. “Cousas da vida”, que diría Castelao. Pode verse con claridade en dúas modalidades o que representan as tarifas para os vehículos lixeiros: a) ¿Cantos km se poden percorrer cunha moeda de 1 € nos diferentes tramos? De 3 a 19,2 km. b) ¿Cantos céntimos custa o km percorrido? Desde 5 ou 6 a 32. Algo verdadeiramente inxusto. Calquera xornalista pode contrastar a información para non sacar titulares erróneos coma os que se producen de cando en vez. As previsións son que a directiva celebre unha reunión o día 10 de xaneiro e se planifique a actividade dos vindeiros meses. Un saúdo
1 de xaneiro de 2006 PLATAFORMA CIDADÁ POLA SUPRESIÓN DA PEAXE
|