Diante da magnitude da catástrofe do Prestige a Xunta directiva da Plataforma decidiu dirixirxe á Xunta de Galicia e ó goberno central para reclamar un trato de xustiza con Galicia nas infraestructuras. Asimesmo, acordou instar á confederación de empresarios de Galicia para que incluia o tema no listado que está a elaborar para reactiva-la economía e presentarllo ó ministerio de economía.

 

Agora é o momento de que se analicen as consecuencias negativas para a economía galega que supón e supoñerá no próximo futuro esta catástrofe ecolóxica e Galicia se vexa compensada con medidas efectivas tales como as que se enumeran a continuación:

 

·         Solicitar a reducción das peaxes en tódalas autoestradas de Galicia evitando os incrementos previstos para comezos do 2003, dado que aínda así serían rentables. Sería unha proba efectiva da solidariedade do goberno central que é o que se beneficia destas empresas públicas.

·         Tomar os acordos pertinentes no consello de ministros para que se reduzan as tarifas nos tramos discriminatorios da A-9 (especialmente os comprendidos entre Vigo e Pontevedra) que superan ás do resto da propia A-9 desde hai moitos anos.

·         Acordar incluir tamén no “pliego de condicións” da privatización a supresión da peaxe de Rande que nestes momentos están a afrontar a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra para unha minoría de usuarios. Supresión que é viable polos grandes beneficios da propia AUDASA e, por outro lado, porque non lle corresponde a Galicia pagar mediante un sistema de subvencións a peaxe a uns poucos usuarios, cando a inexistencia de vía alternativa á Ponte de Rande nos afecta a todos.

 

Por todo o exposto, e despois de valorar as últimas declaracións do Sr. Rajoy en Vigo –sobre as razóns que tiñamos para sentirnos discriminados e a inexistencia de vía altenativa que el mesmo aceptaba-, as declaracións do conselleiro Cuíña sobre as numerosas xestións que leva feitas o seu departamento de cara á privatización de ENA, as declaracións da patronal galega para reclamar melloras nas infraestructuras e a entrevista co propio presidente Fraga na que se comprometeu a facer o que poidera neste tema, agora é o momento de que non se esquezan unha vez máis.

 

Nas circunstancias actuais e ante a gravedade da situación, a Plataforma decidiu non convocar novas mobilizacións, polo de agora,  e dedicar os seus esforzos a animar a tódolos seus membros e simpatizantes a seguir colaborando activamente na limpeza das nosas costas apoiando como voluntariado e nos labores de coordinación e infraestructura que sexan necesarios nos vindeiros meses.

 

 

       O  Morrazo, a 21 de decembro de 2002                         A  PRESIDENTA

                                                                                                    Modesta Riobó Dios