Asemblea de usuarios da Ponte de Rande

Convocada pola Plataforma

 

Despois das informacións da directiva da Plataforma sobre as xestións realizadas nos últimos  meses ó máis alto nivel co propio Manuel Fraga, que se dignou recibir á Plataforma, cos máximos dirixentes do BNG e PSOE, Sres. Beiras e Touriño e outros deputados e tamén da interpelación ó vicepresidente Mariano Rajoy en Vigo a comezos deste mes de novembro, coas explicacións da presidenta da Plataforma, Modesta Riobó e do vicesecretario Manuel Méndez que coincidiron na cativa resposta de Fraga e no compromiso dos partidos da oposición de seguir na defensa dos cidadáns que non teñen outra alternativa máis que a Ponte de Rande, pasouse á analise e a un vivo debate sobre o novo decreto da Xunta de Galicia –publicado o 20 de novembro do 2002.

 

Este decreto é o enésimo cambio que realiza a Xunta de Galicia ante a presión social á que foi sometida por parte de todos nós, os veciños do Morrazo e do sur de Galicia, en xeral.

 

Hai que recoñecer o papel dos partidos da oposición, sempre en boa liña de presión institucional con interpelacións constantes nos parlamentos de Santiago e de Madrid que contaron, case sempre, co voto negativo do PP.

 

Froito das mobilizacións e das marchas a pé ata a Ponte de Rande é a supresión do número mínimo de viaxes. 

 

Froito tamén das presións da propia Plataforma que nas entrevistas con Fraga e Rajoy dos últimos días podía mostrar con orgullo as fotografías de milleiros de persoas ou as promesas incumpridas de ambos dirixentes recollidas nos xornais galegos en grandes titulares.

 

A tarxeta non caeu do ceo nin é un regalo da Xunta. É un logro do movemento cidadán, de todos nós.

 

Xa sabemos que é un “parche autóctono”, ou unha “chapuza” como prefiren definila outros, porque o camiño emprendido pola Xunta foi un erro, asumindo ela e as deputacións un custo que non deberían afrontar.

 

Pero aquí hai algo do que debemos ser conscientes: o goberno galego COMPENSA A AUDASA por determinados favores (a participación na construcción da autoestrada de Santiago-Lalín-Ourense, e tamén quererá compensar ás caixas de aforros CAIXANOVA e CAIXAGALICIA que tamén entraron na financiación desta autoestrada –por petición expresa da Xunta- e que xa preparan o desembarco para entrar na privatización do grupo ENA que se está cocendo, xunto con outras empresas constructoras.

 

¿Como compensa a AUDASA?

Incomprensiblemente aboándolle a peaxe dos itinerarios de Vigo-O Morrazo e viceversa ó 100%, sen descontarlle siquera o 25% na viaxe de volta que lle fai a propia AUDASA a calquera usuario que teña a súa tarxeta.

 

¿Como compensará ás caixas de aforros?

Tamén como compensación pola posta en marcha das tarxetas e bonos-peaxe que para as caixas era un paquete de mal gusto, elas veranse favorecidas se entran na privatización, tal como está previsto, asegurando beneficios ao seren accionistas de varias autoestradas rentables por un periodo de máis de cincuenta anos.

 

O papel dos concellos.

Cos líderes da oposición falouse do papel que deben seguir xogando os concellos afectados porque a Plataforma e eles mesmos manteñen a tese de que o bono-peaxe non é suficiente dado que non resolve o problema de tódolos usuarios.

Quedan fóra:

 

Porque non se resolve o tema das tarifas discriminatorias nos diferentes tramos de Vigo-Pontevedra que seguen duplicando ou triplicando outras tarifas da propia A-9 e outras autoestradas.

·        Polas excesivas trabas burocráticas que impón o decreto.

·        Pola repercusión da futura declaración como ingreso á Facenda.

·        Porque un vehículo de propiedade familiar só podrá ter un titular da tarxeta e será considerado uso fraudulento que a use outra persoa da mesma familia.

 

En resume, porque xa no artículo primeiro do decreto se condiciona o outorgamento da subvención á existencia de crédito presupostario axeitado e suficiente. No momento que queira a Xunta ou a Deputación desaparecerá o bono-peaxe.

    

 

Moaña a 23 de novembro do 2002