Dimite a presidenta da Plataforma cidadá pola supresión da peaxe por razóns de tipo persoal

Será substituída por Jesús Cancelas Franco

 

A xunta directiva da Plataforma aceptou no día de onte a demisión de Modesta Riobó como presidenta da mesma e felicitouna polo traballo desenvolvido neste ano do seu mandato. O seu posto será ocupado polo actual membro da directiva Suso Cancelas Franco dunha maneira provisional ata a celebración dunha nova asemblea xeral.

As razóns de tipo persoal e ético da dimisión non son outras máis que a de presentarse nunha candidatura ás próximas eleccións municipais. A propia Plataforma coñece os dereitos que lle asisten para continuar no seu cargo porque sería totalmente democrática a súa continuidade, pero optou por esta vía para demostrar a pluralidade da mesma e a non vinculación partidaria do cargo de presidenta.

Modesta Riobó desenvolveu un traballo activo na Plataforma e conseguiu facer xestións ó máis alto nivel, xunto co resto da directiva. Contribuiu ó éxito da VI marcha celebrada en abril do ano pasado, solicitou o cambio na normativa do bono-peaxe que foi mellorado neste último ano coa supresión do número mínimo de viaxes, aínda sendo consciente de que non é a solución que todos desexamos e que ela mesma definiu como un parche a esta situación de inxustiza social que vivimos os habitantes do Morrazo.

Participou en debates no Foro da Cultura Galega en Santiago, entrevistouse cos líderes parlamentarios de tódolos grupos políticos, co propio presidente da Xunta e co Ministro de Fomento, entre outros responsables políticos. Algo que non conseguiron e, se cadra, non quixeron facer os alcaldes do Morrazo aos que criticamos pola súa falta de xestión.

Nas conversas mantidas por ela mesma co novo conselleiro de Política Territorial e no escrito que se lle enviou comunicóuselle que a Plataforma non fará o paripé de ir á SEPI, sociedade que se engarga da privatización de AUDASA, se os nosos representantes institucionais non están presentes.

Na reunión de onte tamén se acordou solicitar ó presidente do Parlamento galego unha resposta ás xestións realizadas desde que hai un ano se tomou o acordo por unanimidade de instar ó goberno central a supresión da peaxe entre O Morrazo e Vigo para todos. ¿Cales foron as xestións concretas diante do goberno central? ¿Quen as realizou? ¿Qué resultados tiveron se é que as houbo? Estamos no dereito de pedirlle datos e el ten a obriga de contestarnos coa verdade e documentalmente.

Aprobouse o deseño do cartel e pegatinas da próxima marcha e tamén o de solicitar axudas económicas a diversas empresas e colectivos para sufragar os gastos previstos.  

 Por último acordouse enviarlle a diferentes ministros, ó conselleiro Núñez Feijóo e ó presidente da Xunta o deseño do cartel da VII marcha que se celebrará o 5 de abril para que coñezan de primeira man “a mentira que significaron as promesas do vicepresidente Rajoy realizadas en Vigo o día 5.02.2000”. Se o consello de ministros opta por indicarlle á SEPI que no paquete da privatización se libera a peaxe de Rande dentro da área metropolitana, aínda estamos a tempo de convertir a marcha nunha festa. En caso de mutismo “que cada pau aguante a súa vela”.

 

                                            O Morrazo, 8 de marzo de 2003

                                                   A  XUNTA DIRECTIVA,