A XUNTA DIRECTIVA DA PLATAFORMA ACORDOU DIRIXIRSE POR TERCEIRA VEZ
Ó VALEDOR DO POBO COA CARTA ADXUNTA E COMEZAR “UNHA CAMPAÑA DE VERÁN” CUN
REPARTO MASIVO DE ADHESIVOS PARA OS AUTOMOVILISTAS CO LOGOTIPO DA PLATAFORMA, A
RECLAMACIÓN DE “Peaxe de Rande, Non gracias” e a publicidade da páxina web www.randeune.com. Editáronse 20.000
pegatinas para distribuir nas comarcas de Vigo, O Morrazo e Pontevedra.
EXPEDIENTE: N.6.Q/542/02
Modesta Riobó Dios,
en representación da PLATAFORMA CIDADÁ POLA SUPRESIÓN DA PEAXE, .../..., a
vostede
EXPÓN:
Que despois de recibida a súa resposta respecto da
queixa presentada por esta Plataforma a Xunta Directiva da mesma reuniuse para
analizala e elaborar unha contestación á información que lle transmitíu a
Consellería de Política Territorial así como ás súas valoracións ou tamén ós
apartados que vostede non responde.
En primeiro lugar, non hai probas de que o
conselleiro de Política Territorial nin o Presidente da Xunta mantiveran
encontros co Ministro de Fomento e co “Presidente do Estado” –do goberno do
Estado-, quererá dicir, respectivamente, para reclamar o que estaba acordado
con tódolos Alcaldes e Presidentes das Deputacións o 10-02-2000. Asegurámoslle
que temos boas fontes de información.
Temos probas documentadas en sentido contrario por
medio dun escrito do Ministerio da Presidencia que di textualmente “que la Xunta de Galicia no ha demandado
el establecimiento de gratuidad en los tramos Vigo-Rande, Vigo-O Morrazo y A
Barcala-A Coruña, ni tampoco la rebaja del tramo Pontevedra-Vigo” .
Respecto da postura do Ministerio de Fomento que
defende a Xunta no terceiro parágrafo, reiterámoslle que o trato dispensado a
Galicia non foi o mesmo que o dado a outras comunidades autónomas nas que se
suprimiron peaxes e houbo rebaixas de máis do 50% como lle explicamos a vostede
e pode repasar na www.randeune.com no
apartado da A A-9 en cifras.
Do sistema ideado pola Xunta para financiar con
fondos da propia Xunta e da Deputación uns “bonos-peaxe”, insistímoslle en que
esa non é siquera a súa competencia dado que este problema debería resolvelo o
Ministerio de Fomento, con cargo ó goberno central que é de quen depende
legalmente a A-9. A Xunta está ocultando a súa incapacidade negociadora con
este “parche autóctono”.
O decreto 419/2001 sobre as axudas ós usuarios da
A-9 entre Vigo e O Morrazo demorouse máis do previsto e aínda non está aplicado
neste momento máis que a unha mínima parte das persoas que quixeron acollerse a
el solicitando os “bonos-peaxe”. Estamos
de acordo no retraso da súa posta en vigor –esta é a única coincidencia-,
pero non podemos estalo coa afirmación de que xa están funcionando as primeiras
tarxetas...
E xa entra vostede como “Valedor do Pobo” a facer
valoracións contundentes despois de escoitarnos e ter os datos na man: “O compromiso negociador asumido polo
Conselleiro, en principio, pode entenderse como executado, aínda que estas
negociacións ou peticións non chegaran ó obxectivo final pretendido.”
¿A conto de qué vén esa
defensa do Conselleiro que non foi capaz de reclamar o que con tanta
parafernalia asinou como compromiso da Xunta hai máis de dous anos? ¿Quen debe
defender entón os intereses de tódolos galegos, ou polo menos dos cidadáns dos
concellos do Morrazo, Vigo, Pontevedra, A Coruña e outros que se sinten
discriminados, representados naquel documento institucional polos seus alcaldes
e polo propio conselleiro?
E volve a sinalar
vostede: “non se aprecia ningunha obriga legal que afecte de xeito directo á
Administración Autonómica e que fora obxecto de incumprimento, salvo mellor
opinión exposta pola súa banda”.
Esquécese vostede de que ademais dos acordos
anteriores de 10-02-2000 hai outro acordo recente do Parlamento Galego, tomado
por unanimidade, no que se insta á Xunta a reclamar do Ministerio de Fomento a
supresión da peaxe de O Morrazo-Vigo para todos, e este acordo de 20-03-2002
non se cumpríu.
Remata vostede a faena indicándonos que “por
todo o sinalado... non parece preciso continua-la investigación iniciada...” e dase por satisfeito enviándonos unha
información non contrastada da Consellería de Política Territorial e
valoracións súas sobre esta reclamación unánime da Galicia Sur.
Saiba vostede que queremos manifestarlle o
seguinte:
1º.- Nin a Xunta nin o goberno central trataron a
tódolos cidadáns do mesmo xeito, dado que houbo un trato claramente
discriminatorio segundo os acordos de supresións e rebaixas desde 1997 ata hoxe
mesmo.
2º.- Non se aportan probas das reclamacións do
Conselleiro nin do Presidente da Xunta diante do Ministerio de Fomento ou do
Presidente do goberno central, polo que esa información transmitida pola
Consellería é falsa. Somentes houbo contactos co Sr. Ortí Bordás, presidente do
grupo ENA, por parte do Conselleiro de Política Territorial.
3º.- Vostede non entra a valorar a inxustiza social
que representa o “bono-peaxe” para unha boa parte da poboación que non pode
acceder a el, nin a contradicción coa inexistencia de vía alternativa para
todos. A maioría dos que utilizan a Ponte de Rande seguirán pagando anque non
teñan outra alternativa como di a propia Xunta.
4º.- Vostede non responde ó
punto a) do escrito da Plataforma sobre a legalidade da utilización do
“bono-peaxe” exclusivamente polo titular do vehículo cando este é propiedade da
unidade familiar.
5º.- Vostede non cuestiona a legalidade do
“bono-peaxe” cando se excluen ás persoas xurídicas, transporte de viaxeiros,
empresas ou comercio e se limitan o número de viaxes. Cando non hai vía
alternativa non a hai para ninguén e non ten nada que ver co número de
viaxes. Punto c) do noso escrito.
6º.- Non responde ás consecuencias da declaración
obrigatoria que haberá que facer a Facenda por ser considerado un ingreso máis
esa subvención, pero xa lle aforramos nós o traballo enviándolle unha carta da
Axencia Tributaria de Pontevedra. Información da Axencia Tributaria que volve a
demostrar a falsedade das declaracións do conselleiro Sr. Cuíña en Vigo, cando
afirma que só terán que declarar os que teñan ingresos superiores a 21.035
euros anuais (3,5 millóns de pts.) e a Axencia Tributaria establece 601 euros
(100.000 pts, anuais).
Por todo elo,
Reclamamos por terceira vez a súa actuación
como “Valedor do Pobo” e que despois de
analizar esta nova queixa faga unha rectificación, porque polo de agora, con
esta resposta, deunos a entender que é
o Valedor da Xunta.
DON. JOSÉ RAMÓN VAZQUEZ SANDES
VALEDOR DO POBO
Rúa do Hórreo, 65 –15700 SANTIAGO DE
COMPOSTELA