GALICIA SEN
COMPENSACIÓNS
NA PRIVATIZACIÓN DE ENA
A Plataforma cidadá pola supresión da peaxe denuncia a
pasividade da Xunta de Galicia durante o proceso de privatización de ENA –no
que están incluídas AUDASA e as autoestradas de Carballo-A Coruña e Vigo-Baiona-
que finalizará esta mesma semana. Galicia aportou e aportará millóns de euros
directamente en peaxes e indirectamente a través dos impostos de todos. Incluso
puxo unha importante inversión nas autoestradas de Carballo e Baiona e non
recibirá nada a cambio.
Non se cumpriron
as promesas electorais dos máximos dirixentes do Partido Popular, entre eles as
do propio Manuel Fraga que comprometeu a súa palabra a “garantizar a
supresión da peaxe entre O Morrazo e Vigo” aproveitando este proceso da privatización.
Agora que xa temos
á vista os resultados electorais das municipais no Morrazo, Vigo e Pontevedra,
podemos tirar algunhas conclusións.
Foron varios anos
dunha reivindicación, desde 1999 fundamentalmente, promovida por esta Plataforma
pero apoiada polos Concellos de Vigo, Vilaboa, Poio, Redondela, Marín,
Pontevedra e timidamente polos de Cangas, Bueu e Moaña. Precisamente o voto dos
cidadáns castigou ó PP nos concellos que menos apoiaron ós seus veciños nesta
reclamación unánime, os de Bueu e Moaña.
Será pois este
partido o que debe analizar os seus resultados e ver que unha parte do
electorado cambiou de opción. Unha parte importante do electorado de Moaña e
Bueu deulle unha oportunidade hai catro anos que non souberon aproveitar. E
agora toca incidir na cuestión porque o problema da peaxe de Rande non está
resolto cos Bonos-peaxe inventados pola Xunta e que non safisfacen á maioría.
A Plataforma
lembra un acordo do Parlamento Galego que instaba á Xunta a reclamar do goberno
central a supresión e que está sen tramitar, lembra a célebre promesa de Rajoy
de suprimilo nesta lexislatura e xa lle queda menos dun ano e tamén as últimas
declaracións de Fraga en Cangas “O PP daralle unha solución ó problema da
peaxe”.
Agora
resultarálles un pouco máis difícil coa privatización de ENA case finiquitada.
Máis difícil pero non imposible. Hai datos de numerosos acordos do consello de
ministros desde 1997 suprimindo e rebaixando peaxes noutras autoestradas
privatizadas como é caso de Catalunya.
A Plataforma
anuncia que seguirá nesta carreira de fondo e analizará públicamente con
economistas de prestixio este proceso privatizador da A-9 que non vai
beneficiar nin a Galicia nin ós usuarios.
O
Morrazo, 26 de maio de 2003
O
Presidente,
Jesús
Cancelas Franco