INDIGNACIÓN ANTE A SUBIDA DAS PEAXES NA A-9

 

A Plataforma cidadá pola supresión da peaxe denuncia a insensibilidade dos gobernos central e autonómico por aplicar a subida das tarifas na A-9 sen ter en conta o grave impacto económico da catástrofe do Prestige en Galicia.

Con indignación foi recibida esta noticia entre os membros da Plataforma que hai poucos días remitían ós máximos responsables da Xunta e do goberno central as peticións de rebaixas e de supresión da peaxe da Ponte de Rande –acceso e saída de Vigo- utilizada diariamente por milleiros de persoas e que non conta con vía alternativa.

Unha supresión da peaxe que debería selo para todos e non para unha minoría que usa o bono-peaxe ofrecido pola Xunta e que en forma de subvención pagamos tódolos galegos, cando os beneficios millonarios de AUDASA están a ingresalos os ministerios de economía e de fachenda.

Denunciamos a pasividade do presidente Fraga para reclamar estas medidas reactivadoras da economía e evitar o impacto negativo incluso sobre o voluntariado, as empresas, as confrarías, os transportistas e centos de empresas que colaboran enviando material ou alimentos que ó pasar polos postos de peaxe incrementan os beneficios da concesionaria.

Resulta vergonzoso ver como seguen sen cumprirse os compromisos electorais do Partido Popular anunciados a bombo e platillo polo Sr. Rajoy en Vigo o 5.02.2000 (ver páxina web da plataforma www.randeune.com) ou escoitar hoxe mesmo ó Sr. Arenas dicindo que o 95% dos compromisos do partido popular estaban cumpridos a estas alturas da lexislatura.

 

                                 O Morrazo, a 1 de xaneiro do 2003