Unha representación da Plataforma cidadá pola
supresión da peaxe estivo presente na conferencia – coloquio do Sr. Rajoy no
CLUB FARO DE VIGO e interviu para facerlle ver que a A LIBERDADE DE EXPRESIÓN, tal como el mesmo a definiu, “Pedra
angular do sistema democrático e enmarcada dentro do edificio do sistema de
valores” viña a confirmarnos que os gobernos democráticos deberían cumprir o
que prometen, pero que, desgraciadamente, en moitos casos non ocurre.
Velaí un resume da intervención dun portavoz
da Plataforma cidadá pola supresión da
peaxe:
Este acto sobre a “liberdade de expresión”
permítenos, democráticamente, Sr. Ministro, preguntarlle cándo ten pensado o
seu goberno cumprir a PROMESA ELECTORAL da eliminación da peaxe, no acceso
e saída de Vigo a través da Ponte de Rande e a rebaixar máis tramos en Galicia,
tal e como se comprometeu e vostede asegurou, precisamente aquí en Vigo, o día
5 de febreiro de 2000 no acto de presentación das candidaturas do PP ás eleccións
xerais.
De todos é sabido que máis da metade da lexislatura
xa pasou e que foron moitos os cidadáns que creron nas súas palabras e están
agardando a que se pase das palabras ós FEITOS tal como era o lema daquela campaña electoral.
A non existencia de vía alternativa entre o norte e
o sur da Ría de Vigo fai que moitos milleiros de persoas teñan que desprazarse
obrigatoriamente pola Ponte de Rande, por razóns de traballo, sanitarias,
comerciais ou de estudios. Como consecuencia, prodúcese unha inxustiza social e
un agravio comparativo con outros accesos a grandes cidades ou tramos
metropolitanos libres de peaxe por decisións do seu propio goberno. Sentímonos
discriminados.
No momento actual, cando se está a elaborar o
pliego de condicións da privatización do grupo ENA, o seu goberno debe dar o
paso definitivo para resolver este tema dunha maneira xusta, tal como lle
temos solicitado en numerosas ocasións enviándolle escritos, documentación e
dossieres da prensa publicada en Galicia porque, desgraciadamente, que nos
manifestemos dez mil ou quince mil persoas sete veces “non foi noticia para os
medios de Madrid nin para os medios públicos da propia Galicia”.
Moitas gracias a vostede por escoitarnos e a FARO
DE VIGO por darnos esta oportunidade de intervir.
A resposta do Sr. Rajoy serviu para confirmar
que el sabía que non existía vía alternativa á Ponte de Rande e que tiñamos
razón. Foi o único que dixo claramente, pero non quixo comprometerse outra vez
e botou balóns fóra dicindo que non se lembraba ben do que dixera o 5 de
febreiro do 2000.
Agora, queda o recurso da mobilización coma en anos
anteriores e que a cidadanía saiba que se non esiximos entre todos o que
unanimemente se reclama o goberno pasará do tema e privatizará AUDASA nos
próximos meses. Unha privatización que lle reportará cuantiosos beneficios ás
arcas do Estado e que serán aportados por tódolos galegos ata o 2048.
Se tódolos sectores sociais, as institucións e a
Xunta non se moven repetirase a historia e teremos unha autoestrada con peaxes
inxustas na área metropolitana de Vigo por moito tempo.
Vigo,
4 de novembro de 2002