A PLATAFORMA CIDADÁ POLA SUPRESIÓN DA PEAXE AGARDA QUE O VINDEIRO CONSELLO DE MINISTROS INCLUIA NO PLAN DE SOLIDARIEDADE CON GALICIA A SUPRESIÓN DA PEAXE DE RANDE E A REBAIXA DE TARIFAS SOLICITADAS UNÁNIMEMENTE POLA SOCIEDADE GALEGA DESDE HAI CATRO ANOS.

 

A Plataforma garda as promesas de Fraga e Rajoy realizadas oralmente e por escrito vinculadas á privatización de ENA e a ganar as eleccións xerais, respectivamente. Advirte, ó mesmo tempo, que no caso de que se non se tome un acordo favorable aparecerán como “mentireiros”  tal como lle sucedeu ó exconselleiro Cuíña.

 

A Plataforma lembra as últimas peticións formuladas a tódolos ministerios implicados, ó propio Aznar e a Fraga no pasado mes de decembro e comprobará o venres se estas demandas tamén foron presentadas “axeitadamente” en Madrid polo propio Fraga e se foron “ben escoitadas” e atendidas.

 

Comprobaremos se veñen co BOE debaixo do brazo como xa se fixo noutras comunidades autónomas coas supresións e rebaixas de tarifas (ver www.randeune.com no apartado da A-9 en cifras) ou se Galicia e Pontevedra en concreto vai seguir sendo a provincia española con máis km. de peaxe e cunhas tarifas moi por enriba da media.

 

A campaña de “HECHOS”  que estes días publicita o goberno central servirá de modelo para a que emprenderá a Plataforma no caso de que as demandas dos usuarios, concellos, consellos económicos e sociais e outros organismos que reclamaron a inclusión deste tema nas medidas que debe adoptar o goberno para a reactivación económica de Galicia non sexan atendidas.

 

 

                                          O Morrazo a 22 de xaneiro de 2003

                                                   A  XUNTA  DIRECTIVA