XXV ANIVERSARIO DA PONTE DE RANDE

O NOVO TIMO DE AUDASA

 

A xunta directiva da Plataforma cidadá pola supresión da peaxe acordou conmemorar o vintecinco aniversario da entrada en funcionamento da Ponte de Rande con diversos actos e analizou o incremento das peaxes nos tramos do sur da AP-9 así como a negativa do ministerio de fomento a contestar ás peticións reiteradas tanto de supresión da peaxe na  Ponte como da rebaixa no tramo Vigo-Pontevedra.

En primeiro lugar, denunciamos á concesionaria AUDASA por propoñerlle ao ministerio de fomento un incremento do 6,6% no itinerario entre Vigo e O Morrazo, xusto no tramo que se está negociando  para obter máis beneficios a posteriori. Un itinerario que pasa a ter unha tarifa de 0,19 €/km e triplica ás existentes nos itinerarios entre Pontevedra e A Coruña.

En segundo lugar, por incrementar as tarifas entre Vigo e Pontevedra e O Morrazo-Pontevedra en 0,05 € cando teñen unha tarifa que duplica en €/km á existente nos tramos de Pontevedra – A Coruña.

         En terceiro lugar, denunciamos ao ministerio de fomento por autorizar estas subidas nos tramos onde circulan moitísimos máis vehículos por día de toda a AP-9 e polo silencio amosado ante ás demandas dos usuarios que non temos máis vía alternativa ca propia Ponte de Rande.  

         En cuarto lugar, denunciamos O TIMO QUE ESTÁ REALIZANDO AUDASA á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra –e, como consecuencia, a tódolos galegos- por non aplicarlle o 25 % de desconto na viaxe de volta aos 15.000 usuarios do bono-peaxe, tal como lle fai aos seus clientes habituais. Desta maneira vergonzosa recadará no ano 2006 algo máis de 325.000 € (45 millóns de pts.) que non lle corresponderían. (Lémbrese o presupostado polas dúas administracións para o 2006 que son 2,6 millóns de € e bótense as contas).

         De cara á celebración do XXV aniversario acordouse realizar unha exposición da historia deste tramo da AP-9, do avance que significou para o desenvolvemento do sur de Galicia así como da peaxe que levamos pagando e que non estamos dispostos a seguir pagando ata o 2048. A exposición será itinerante e levarase a Vigo, Pontevedra e ás localidades do Morrazo.

         Tamén se acordou realizar unha mesa redonda no mes de febreiro ao máximo nivel que se poida convidando a políticos e xornalistas. Os ponentes serán dados a coñecer tal como se vaian confirmando. 

Por último, e coincidindo coas datas da mesa redonda, xa deberiamos ter coñecemento das solucións que nos aporte o presidente da Xunta tal como se comprometeu reiteradamente co aval de Zapatero. A partir dese momento, a Plataforma avaliará a situación.

                                                        O Morrazo, a 10 de xaneiro de 2006

                                                             A  XUNTA DIRECTIVA

O  Presidente,