A Plataforma remite un dossier a altos cargos do Goberno e insta ó Ministerio de Fomento a suprimir a peaxe de Rande segundo o acordado no Parlamento

 

A Plataforma Cidadá pola Supresión da Peaxe envioulles un dossier con noticias de prensa a altos cargos do Goberno con competencias en materia de infraestructuras co obxectivo de demostrar que veñen enganando á cidadanía mediante o anuncio, desde hai máis de dous anos, de reiteradas promesas sobre a liberalización do canon da autoestrada que aínda non fixeron efectivas.

 

O dossier dispón de información sobre as sete manifestacións convocadas e as campañas da Plataforma ante a falta de actuación e compromiso político da Xunta de Galicia e do Goberno central coa cidadanía para suprimir a peaxe da ponte de Rande, a pesar de teren recoñecido a inxustiza social que supón que a concesionaria da autoestrada cobre este tramo cando non existe vía alternativa.

 

Contén tamén unha escolma de máis de cen noticias aparecidas en xornais galegos nas que se resume a traxectoria da reivindicación, con datos sobre “El PP anuncia ‘magníficas noticias’ sobre los peajes gallegos en breve” (páxina 3 de La Voz de Galicia, 26 de novembro de 1999), “Rajoy promete eliminar el peaje en Rande si el PP gana las elecciones” (páxina 1 de Faro de Vigo, 6 de febreiro de 2000), “Cuiña cree irrenunciables los objetivos sobre eliminación de peajes consensuados con diputaciones y concellos” (páxina 3 de Diario de Pontevedra, 11 de febreiro de 2000) ou “Los vecinos del Morrazo podrán cruzar el puente de Rande gratis antes de fin de año” (páxina 12 de Atlántico Diario, 10 de setembro de 2000).

 

Acompañando esta documentación, adxúntase unha carta dirixida a cada un dos altos cargos na que se insta a negociar a eliminación da peaxe, segundo o acordo tomado no Parlamento, e advírteselles da preparación dunha nova campaña que difundirá un cartel, semellante ó de Cuiña, para desmentir as promesas realizadas na última campaña ás eleccións xerais con referencia ás declaracións doutro persoeiro do PP. Xosé Cuiña, Manuel Fraga, Pío Cabanillas e Mariano Rajoy son algúns dos políticos que recibirán este dossier informativo.