A PLATAFORMA CONVOCA A 7ª MARCHA POLA SUPRESIÓN DA PEAXE
PARA O 5 DE ABRIL
Unha numerosa representación das comarcas de O Morrazo, Vigo
e Pontevedra, reunida na tarde-noite de onte, despois de escoitar ós portavoces
da xunta directiva as explicacións dadas sobre as últimas xestións realizadas
tanto co presidente Fraga, o conselleiro Núñez Feijóo e o ministro Álvarez
Cascos, optou por radicalizar as súas esixencias convocando a 7ª marcha pola
supresión da peaxe na famosa Ponte de Rande para o día 5 de abril.
Respecto da reunión coa dirección da SEPI, que ultima nestes
días a privatización do grupo ENA, ofrecida polo ministro Sr. Cascos, a
Plataforma tomou a decisión de condicionar a súa asistencia á presencia na
mesma do conselleiro de Política Territorial da Xunta para que acuda a defender
institucionalmente os intereses da Comunidade Galega. Que estea presente
incluso para explicarlle á SEPI e ó goberno central a inexistencia de vía
alternativa á Ponte de Rande cos documentos da propia Xunta, os acordos do Parlamento
galego a favor da supresión ou dos numerosos concellos e deputacións desde
1999.
A Asamblea Xeral da Plataforma acordou non estar disposta a
xogar un papel de “negociación” en solitario e reclama dos Alcaldes e da Xunta
que non se limiten a facer declaracións públicas nos medios de comunicación
locais a favor da supresión. Esas declaracións que non van acompañadas dunha
xestión real son puro electoralismo e deso temos sobrada experiencia. ¿Para que
eleximos ós nosos representantes? ¿Para que lles pagamos? ¿Por qué non
solicitan eles reunións ó máis alto nivel?
Respecto do argumento do Ministro de Fomento de que “no se
puede poner en peligro el equilibrio económico-financiero de las concesionarias
suprimiendo peajes”, lembrámoslle os datos publicados pola Empresa Nacional de
Autopistas (ENA) que anunciou os últimos resultados como empresa pública. “ENA
obtuvo un beneficio antes de impuestos de 77,4 millones de euros durante el
ejercicio 2002, lo que supone un incremento del 14,1%. La facturación creció un
7,7% hasta alcanzar un total de 159,7 millones de euros”.
Fácilmente se comprende que se poden reducir os
beneficios pensando nos usuarios de
tramos de mobilidade obrigatoria en áreas metropolitanas e reequilibrar as
tarifas para evitar as discrimancións actuais dentro da propia A-9.
A 7 ª MARCHA
somente se suspenderá se no prego de condicións ou nas bases da privatización
queda excluída a Peaxe por cruzar a Ponte de Rande para todos. A partir de
agora a Xunta directiva ten o encargo de preparar a marcha utilizando como base
as promesas incumpridas polos dirixentes do PP, especialmente polo
vicepresidente Mariano Rajoy.
Tamén se tomou o
acordo de solicitar a entrada na Plataforma NUNCA MÁIS e apoiar as súas
reclamacións.
O Morrazo, 1 de marzo de 2002