OS VECIÑOS DO MORRAZO AFORRARON EN PEAXE

CASE DOUS MILLÓNS DE EUROS NO 2005

 

Segundo cálculos realizados en base ao número de bono-peaxes que teñen os veciños do Morrazo e Vilaboa e tamén ao uso dos mesmos, segundo os días da semana, meses do ano, realización de máis de 30 ou 40 viaxes cada mes por cada tarxeta, estímase que os veciños da comarca do Morrazo aforraron no ano 2005 máis de 1.820.000 €, que representan algo máis de 300 millóns das antigas pesetas.

O incremento do número de usuarios por mes foi espectacular nos últimos dous anos, pois pasouse dos 5.000 no ano 2003 a 12.000 no pasado 2005. O número total de tarxetas xa pasa das 15.500 neste mes de febreiro.

         Resulta evidente que o colectivo máis beneficiado e numeroso corresponde aos que teñen o seu traballo en Vigo e atravesan a Ponte de Rande dúas veces ao día. Tamén se comproba que o número de pasos realizados co bono-peaxe baixa nos meses de xullo e agosto –polo periodo vacacional- e na fin de semana, especialmente nos domingos.

         Este aforro importante pode decirse que é o resultado das campañas a favor da supresión da peaxe que se realizaron nos últimos sete ou oito anos. Se non houbese milleiros de persoas camiñando ata Rande sete veces, apoio dos concellos afectados ou unha reclamación unánime de todas as forzas políticas non se poñería en marcha o sistema do bono-peaxe por parte da Xunta.

         Un logro do movemento reivindicativo que ten a súa implantación maioritaria no Morrazo, pero que conta cunha organización comarcal e representación das Federacións de asociacións de veciños “Eduardo Chao” de Vigo e “Castelao” de Pontevedra.   

         A Plataforma cidadá pola supresión da peaxe aínda que non está satisfeita co actual sistema do bono-peaxe polas trabas burocráticas que ten, porque non é útil para o itinerario entre Pontevedra e Vigo ou polo seu carácter de subvención, decidiuse a animar aos usuarios da AP-9 a solicitalo desde o ano 2003, ano no que se privatizou AUDASA e que supoñía máis dificultades para lograr a supresión universal. 

         Precisamente para informar deste tema, a Plataforma invita a todos os usuarios, especialmente aos que teñen o bono-peaxe, á mesa redonda que se celebrará no auditorio de Cangas o próximo venres, día 17 a partir das vinte horas. Intervirán a conselleira de Política Territorial Mª José Caride, os alcaldes de Cangas e de Moaña e o presidente da Plataforma Manuel Méndez.

         Inaugúrase mañán, domingo, a exposición do xxv aniversario da Ponte de Rande na Casa do Mar de Moaña, que permanecerá aberta en horario de 18 a 21 h. nos días laborables e os domingos de 12 a 14 h.

 

                                                        Moaña, 11 de xaneiro de 2006