|
A PLATAFORMA ANTIPEAXE AGRADECE O TRABALLO DOS HUMORISTAS GRÁFICOS ABERTA A EXPOSICIÓN DO XXV ANIVERSARIO DA PONTE DE RANDE
Catro humoristas gráficos que realizaron viñetas sobre a problemática da peaxe da Ponte de Rande nos últimos anos serán obsequidados pola Plataforma cidadá pola supresión da peaxe cunha “Placa de vidro conmemorativa do xxv aniversario da Ponte de Rande” ás 17,15h. na Federación de AA.VV. Eduardo Chao no día de hoxe, xoves. Luis Davila polas tiras publicadas no Faro de Vigo “O Bichero”, Javier Aguilera tamén de Faro de Vigo, Kiko da Silva da Voz de Galicia e Xosé Lois “O Carrabouxo” do Atlántico Diario. Precisamente co motivo de abrir a exposición dos 25 anos de Rande e da loita a favor da supresión da peaxe realizarase este pequeno acto de agradecemento na sede da Federación de AA.VV. Eduardo Chao, lugar onde se poderá visitar a exposición en horario de 9:30 a 13:30 h e de 17 a 21 h. de luns a venres ata finais do presente mes de marzo. Unha exposición que vén de ser exposta en Pontevedra e Moaña. A exposición consta de 26 paneis informativos e un deles precisamente é o titulado HAI QUE TOMALO CON HUMOR realizado a base das tiras cómicas dos humoristas anteriores. Tamén pode ser visitada de maneira virtual na web da Plataforma www.randeune.com Outro dos paneis fai referencia ás reiteradas promesas do Presidente Touriño anunciando unha solución para comezos deste ano 2006 e os demais repasan a historia das numerosas manifestacións antipeaxe e da propia construcción da Ponte de Rande iniciada no ano 1973. Particularmente interesante é tamén o denominado A CRONOLOXÍA no que se detalla a complicada historia da AP-9, cos sucesivos retrasos na súa construcción e coas decisións que diferentes gobernos foron tomando desde a súa creación como unha concesionaria privada que tiña unha duración ata o ano 2013, como o Estado ten que facerse cargo dela no 1983 adquirindo tódalas accións privadas pola súa falta de rendabilidade, a inauguración do tramo entre Pontevedra e Santiago no ano 1992, a primeira ampliación da concesión en dez anos realizada polo goberno de Felipe González no 1984 e a segunda ampliación en 25 anos realizada polo goberno de Aznar no ano 2000, polo que agora chega a concesión ata o 2048. Por último, tamén se reseña a privatización levada a cabo no 2003 que está dificultando a solución da supresión da peaxe nunhas negociacións que a Xunta emprendeu, por fin, co Ministerio de Fomento e a propia concesionaria. Vigo, a 9 de marzo de 2006
O Presidente da Plataforma, Manuel Méndez
|