A Plataforma cidadá pola supresión da peaxe considera que o
ministro de fomento, responsable das autoestradas e da privatización da A-9,
así como da do Val Miñor e a de Carballo – A Coruña, non é merecente da medalla
concedida pola Xunta de Galicia.
Lembramos que o
Sr. Álvarez Cascos non tivo en conta as peticións unánimes dunha boa parte da
sociedade galega que reclama insistentemente desde hai varios anos a supresión
da peaxe de Rande e que tamén despreciou ó Parlamento Galego por non incluir a
remodelación das peaxes na Galicia sur e se aproveita dos recursos dos galegos
para facer caixa no goberno central por un importe de 280.000 millóns de
pesetas sen dar nada a cambio.
Parece mentira que
a Xunta non reaccionara ante tamaña inxustiza e que permanecera pasiva vendo
como as nosas inversións nas autoestradas de Vigo-Baiona e da Coruña-Carballo
agora non repercutirán beneficiando ós usuarios senón ó goberno central e ás
empresas que entraron na súa compra nos vindeiros cincuenta anos.
O Sr. Álvarez
Cascos tivo a oportunidade de intervir no proceso de privatización a través da
SEPI tal como lle solicitamos nunha entrevista mantida con el mesmo en Vigo
dada a inexistencia de vía alternativa e que habería que considerar a Ponte de
Rande como parte da área metropolitana de Vigo libre de peaxe.
O Sr. Presidente
da Xunta demostra, unha vez máis, con este xesto que non lle preocupa que os
galegos sexamos os máis perxudicados e os que sigamos poñendo recursos para
autopagarnos a peaxe –tanto cos bonos peaxe como coas tarifas- e todos eses
cartos vaian a parar ás arcas do goberno central.
Saiban que nin os
usuarios, nin os empresarios e outros sectores estamos de acordo con premiar un
labor tan pouco xeneroso con Galicia no tema que nos ocupa.
Puido regalarlle
unha “pita do monte” disecada que o propio presidente Fraga cazou nos monte
galegos e aínda se conserva como reliquia do franquismo no albergue dos
Ancares. Sería mellor agasallo para un cazador que vai buscar as súas pezas en
plena crise do Prestige polos países europeos.
O Morrazo, Día
Mundial do Medio Ambiente, 5 de xuño de 2003
O
Presidente,
Jesús Cancelas Franco