A PLATAFORMA ACUSA AO MINISTERIO DE FOMENTO DE IGNORAR AS DEMANDAS DA GALICIA SUR E ATENDER OUTRAS

CRITICA AOS DEPUTADOS SOCIALISTAS POR NON EXPLICARLLE Á MINISTRA O CASO DA PONTE DE RANDE E AS TARIFAS ENTRE VIGO E PONTEVEDRA

 

A Plataforma cidadá pola supresión da peaxe reunida na tarde de onte acodou facer público un comunicado no que se afirma que “non existe ningún argumento para manter unhas peaxes discriminatorias en tódolos tramos da AP-9 entre Vigo e Pontevedra”, tramos que, efectivamente poideron resultar máis caros no momento da construcción nos anos setenta pero que están superamortizados a día de hoxe.

Os portavoces do Ministerio de Fomento que argumentan na actualidade que “el puente de Rande y el tramo Pontevedra – Vigo fueron los más caros de la AP-9 y por ello tienen tarifas superiores en €/km” parece que ignoran que os incrementos de tráfico producidos neses tramos producen a maioría dos beneficios para a concesionaria AUDASA.

Vexamos algúns datos e fagamos contas:

Desde 1995 o tráfico entre Pontevedra e Vigo pasou de 19.415 vehículos a 40.700 diarios (multiplicouse por dous nos últimos dez anos). Entre Vigo e O Morrazo pasou nese mesmo período de 5.538 a 16.050 (multiplicouse por tres). Mentras, os demais tramos entre Pontevedra – Santiago e Santiago – A Coruña rexistraban no ano 2004: 20.000 e 22.000 vehículos/día respectivamente.

Resulta esclarecedor comprobar a rentabilidade dos tramos e ver como entre Pontevedra - Vigo e Vigo – O Morrazo se obteñen 41 millóns de € anuais, é dicir, 6.665 millóns de pts. que amortizan de golpe a inversión na Ponte de Rande e en dous ou tres anos o tramo completo.

Aquí non imos estar toda a vida sometidos a esa teoría que esgrime Fomento. Desde o ano 2000 reclámase oficiamente por parte de toda a sociedade (Xunta, Deputacións, Concellos, etc.) que se remodelen as tarifas e se suprima a peaxe da Ponte de Rande, punto de paso obrigado na área metropolitana.

Agora volve a tocarlle ás Institucións facer xestións e non limitarse a facer declaracións públicas que son moi bonitas pero resultan ineficaces.

Agora tócalle tamén aos deputados galegos do PSOE facerse valer en Madrid para que cumpran o seu programa e demostrar que non nos están defraudando. O mes que vén cúmprese un ano das eleccións xerais e non vemos pasos en positivo para saír desta situación inxusta en Galicia. Quizais a Ministra precise máis datos que non lle aportan os deputados elexidos en Galicia nin o Sr. Touriño que é un bo coñecedor destes temas.

Tanto á Sra. Ministra Magdalena Álvarez como a Pérez Touriño dirixirase a Plataforma co ánimo de explicarlle outra vez a situación actual e tamén as variacións que se produciron como o incremento do tráfico superior ao estimado no contrato concesional, para que fomento aprobe unha remodelación das tarifas tal como reclama unanimemente a sociedade galega e propoña unha solución aos tramos metropolitanos entre Vigo – Rande e O Morrazo. A ámbolos dous solicitaráselle unha entrevista formal na que tamén se fará a petición de asistencia a Antón Louro como coordinador dos deputados socialistas no congreso.

 

O Morrazo, 8 de febreiro de 2005

O Presidente da Plataforma,

JESÚS CANCELAS FRANCO