A PLATAFORMA RESPONDE A NÚÑEZ FEIJÓO ANIMANDO AOS USUARIOS DA PONTE DE RANDE A PEDIR MÁIS BONOS-PEAXE

 

Diante das declaracións de Núñez Feijóo afirmando que a Xunta non poderá pagar “moito máis tempo” as tarxetas da peaxe de Rande porque a factura da deputación e a propia Xunta aumentou considerablemente nos últimos meses queremos manifestar o seguinte:

1.- Parécenos incongruente que despois de ter ratificado un convenio entre as Deputacións e a Xunta o pasado 31 de marzo para facerlle frente aos gastos do bono-peaxe ata o 31 de decembro de 2005 (acordo deput. Pontevedra) veñan agora con tantas présas.

2.- Debeu ter algunha importacia o chamamento realizado pola Plataforma animando aos usuarios a solicitar masivamente o bono-peaxe desde finais do ano pasado. Chamamento que reiteramos para que non pague ninguén unha peaxe inxusta na Ponte de Rande. Se a Xunta defendeu este sistema do bono-peaxe que asuma as súas responsabilidades mentras non se resolva definitivamente o tema.

3.- Viñemos dicindo desde 1998 que debería ser o Ministerio de Fomento quen aprobara a supresión porque era o que tiña competencias sobre a AP-9, pero a Xunta en lugar de reclamarllo a Álvarez Salgado ou a Cascos como fixeron outras comunidades autónomas buscou unha mala solución, “un parche autóctono” que é como definimos o bono-peaxe.

4.- A Xunta deixou que se privatizara AUDASA sen poñer a máis mínima obxeción e non aproveitou a oportunidade para reclamar esta supresión da peaxe mentras outras comunidades autónomas recurriron o proceso de privatización (Asturias).

5.- Temos enviada unha carta e algunha documentación á nova ministra de Fomento Magdalena Álvarez e solicitadas entrevistas aos deputados elexidos en Pontevedra –Ana Pastor e Antón Louro- para analizar os pasos a seguir, despois de reunirnos xa con Olaia Fernández.

6.- Consideramos que tampouco é boa solución o acordo entre Magdalena Álvarez e o presidente Chaves polo que a Xunta de Andalucía se compromete a abonar a peaxe de 27 km entre Jerez e Cádiz a tódolos usuarios (tarifa actual 1 €) e o Ministerio de Fomento a realizar unha autovía paralela a A-4 entre Jerez e Sevilla (tarifa actual 5 €).

Por último, instamos aos medios de comunicación a comparar os tramos entre Santiago – Pontevedra - Vigo con Sevilla – Jerez – Cádiz (Tarifas, km, vías alternativas, nº de usuarios e compromisos políticos nos últimos anos).

 

O Morrazo, 27 de maio de 2004

O Presidente da Plataforma,

 

JESÚS CANCELAS FRANCO