ASAMBLEA XERAL DA PLATAFORMA
POLA SUPRESIÓN DA PEAXE
O venres, día 28,
ás 20 h. na Casa do Mar de Moaña, celebrarase unha importante Asamblea Xeral da
Plataforma coa asistencia dos colectivos que a integran das comarcas de Vigo, O
Morrazo e Pontevedra para analizar a situación actual, ser informados pola
xunta directiva das últimas xestións –entrevista co ministro Álvarez Cascos,
solicitude de entrevista coa dirección da SEPI que se encarga da privatización
de AUDASA e das trabas burocráticas e prazos para solicitar o Bono-peaxe-.
Analizaranse as
últimas intervencións no Parlamento galego nas que o portavoz do PP Juan
Casares anunciou que a Xunta está “negociando” unha solución definitiva
para a peaxe de Rande que non rompa o equilibrio económico-financieiro da
concesionaria e xa fala da “tarxeta” como unha medida provisional e non como o
último paso dado pola Xunta.
A directiva da
Plataforma considera que na reunión coa SEPI en Madrid debería estar
representada a propia Xunta ó máis alto nivel e non só a plataforma. Tamén
poderían estar os alcaldes firmantes do documento institucional de febreiro do
2000 ou unha representación deles así como un avogado do gabinete xurídico da
plataforma. Que a asistencia se limite só á plataforma parece unha incongruencia
ou unha estratexia para marearnos.
Na asamblea haberá
un debate sobre estes temas e tamén propostas de novas actuacións, entre as que
non se descarta a convocatoria da 7ª MARCHA POLA SUPRESIÓN.
Asimesmo
propoñerase a integración na Plataforma NUNCA MÁIS e someterase a votación este
tema.
Respecto das
declaracións do deputado do PP Juan Casares, a Xunta directiva quere lembrar a
multitude de declaracións realizadas neste sentido e mentras non vexa a
realidade desas negociacións co goberno central non pode crer absolutamente
nada. A campaña de promesas do PP prodúcese sistemáticamente desde 1999 e,
sobre todo, antes e durante as campañas electorais.
Por último,
respecto do equilibrio economico-financiero de AUDASA e do grupo de autoestradas ENA que se vai privatizar, dicir que
non existe problema ningún porque os beneficios do grupo no ano 2002 batiron
tódolos records chegando a ser de 77,4 millóns de euros (12.878 millóns de
pts). Beneficios que proceden das autoestradas galegas nun 70%. É doado comprender
que se poden recortar eses beneficios coa supresión da peaxe de Rande e aínda
así seguirían sendo rentables as concesionarias.
O Morrazo, a 26 de febreiro de 2003
A XUNTA DIRECTIVA,