|
CHAMAMENTO Á ASISTENCIA Á MESA REDONDA SOBRE A PEAXE DE RANDE AOS USUARIOS
A Plataforma cidadá pola supresión da peaxe fai un chamamento público para a asistencia á mesa redonda que se celebrará no auditorio de Cangas con motivo do xxv aniversario da Ponte de Rande, mañán venres ás 20 h. Lembramos a importancia do acto dado que intervirán persoas tan cualificadas no tema como Mª José Caride, conselleira de Política Territorial, J. Enrique Sotelo, alcalde de Cangas, Xosé M. Millán, alcalde de Moaña, Manuel Méndez, presidente da Plataforma e a xornalista Ana Rubinos que fará de presentadora e moderadora do coloquio. A Plataforma ao igual que reclamaba a asistencia a unha marcha a pé ata a Ponte de Rande, pídelle agora aos usuarios da AP-9 e, dunha maneira especial, aos que teñen o bono-peaxe a asistencia a este acto a favor da supresión da peaxe. A mesa redonda programada ten tanto valor ou máis ca unha daquelas manifestacións que congregaron a milleiros de veciños da comarca do Morrazo. Teremos a oportunidadde de valorar cómo foron os vintecinco anos de utilización da Ponte e de comprobar con datos como de estar pagando 150 pts. por cada viaxe no ano 1999, a movilización cidadá conseguíu frear aquela tarifa que hoxe sería de máis de 1€, con toda seguridade. Ademais, servirá para valorar os logros conseguidos para máis de 15.000 persoas que se acolleron ao sistema do bono peaxe e aforran mensualmente unha cantidade importante. A consecución do bonopeaxe tampouco é o punto e final da reivindicación. Temos a esperanza de que tanto a Xunta coma o goberno central cheguen aos acordos necesarios para poñerlle, precisamente, ese punto e final á tarifa que existe entre O Morrazo e Vigo o máis axiña posible.
O Morrazo, a 16 de febreiro de 2006
|