A PLATAFORMA POLA SUPRESIÓN DA PEAXE CONVOCA ELECCIÓNS

PARA RENOVAR A XUNTA DIRECTIVA

 

A xunta directiva da Plataforma cidadá pola supresión da  peaxe reunida no día de onte acordou abrir o proceso electoral de acordo cos seus estatutos para celebrar unha asemblea xeral que elexirá nova directiva.

A reunión celebrarase no salón de actos da Casa do Mar de Moaña o vindeiro 29 de xullo a partires das 21 horas.

A proposta de renovación de cargos da propia directiva ten que ver coa nova etapa que se afrontará á vista dos resultados das pasadas eleccións, tanto a nivel estatal como autonómico, dado que os dous partidos que accederon ou accederán aos gobernos respectivos PSde G e BNG mostráronse sempre a favor da supresión da peaxe e agora virá un novo tempo de reclamarlle que se cumpran os compromisos electorais.

Valorouse a circunstancia de que a supresión da peaxe fora un tema importante da campaña electoral con declaracións de Touriño, Quintana e incluso do presidente Zapatero que avalou as teses do futuro presidente da Xunta Sr. Touriño no mitin celebrado en Vigo.

Das declaracións da campaña cómpre salientar no lado negativo outra frase do Sr. Rajoy cando afirmou que “no se acordaba de su promesa de liberar el peaje de Rande”.

A Plataforma ve posible a proposta de que se libere o tramo total entre Pontevedra e Vigo e debe reclamar que se tomen os acordos precisos para que sexa unha realidade o antes posible.

Para conseguir estes obxectivos solicita xa desde agora mesmo a colaboración de tódolos colectivos veciñais, culturais, etc. e, moi especialmente, das federacións de asociacións de veciños de Vigo e Pontevedra  que teñen que xogar un papel moi importante no próximo futuro.

Por último, foron criticadas as declaracións do presidente da deputación de Pontevedra Sr. Louzán ameazando con retirar a financiación do bono peaxe a finais deste ano dando a entender que era un castigo por perder as eleccións o seu partido.

 O Morrazo, a 9 de xullo de 2005

                                                                                                 O Presidente,

                                                                                      JESÚS CANCELAS FRANCO