As razóns da convocatoria da VII MARCHA

 

1.- Un ano de xestións ó máis alto nivel (Valedor, Grupos parlamentarios, Cabanillas, Rajoy, Fraga e Cascos), xestións que non deron o resultado que se agardaba.

Por un lado todos eles “nos dan a razón”, confirman a inexistencia de vía alternativa á Ponte de Rande, de tarifas inxustas e discriminatorias, prometen que farán o que poidan ou non se lembran das promesas realizadas e temos que refrescarlle a memoria como é o caso do vicepresidente Rajoy.

Chegan a garantizar hai un ano que coa privatización se resolverá definitivamente o tema e agora que o proceso está en marcha non dan o paso necesario de incluir a supresión da peaxe de Rande no pliego de condicións nin a remodelación das tarifas.

 

2.- Velaí o cartel e as declaracións de Rajoy que podedes escoitar na web da plataforma. Páxina do boletín FARTOS DE PROMESAS.

Non foi, como sabedes o único, porque desde as primeiras mobilizacións de 1999 houbo un feixe delas. (Fraga, Cuíña, Juan Casares, Alcalde de Cangas, etc.)

 

3.- Convén resaltar os acordos da Xunta, Alcaldes e Deputacións de febreiro do 2000 que nunca se cumpriron ou un acordo por unanimidade do parlamento galego de hai máis dun ano.

Non é o caso dos partidos da oposición ós que lle agradecemos o seu traballo nas institucións, nos parlamentos e nos concellos.

 

4.- Cando un compromiso non se cumpre, debemos sinalar a quen o fixo e nesta convocatoria centrámonos na promesa de Rajoy. A ver se vos gusta esta

MANU CHAO PON A MÚSICA

MARIANO RAJOY PON A LETRA.

 

5.- A Plataforma realizou un envío desta banda sonora, do cartel e do Boletín a tódolos responsables políticos (Fraga, Núñez Feijoo, Valedor do pobo, Grupos parlamentarios, Aznar, Cascos, Rato e Rajoy, así como a tódolos alcaldes das áreas metropolitanas de Vigo e Pontevedra.

 

6.- Volverán  a prometer antes da marcha, coma sempre, pero non van conseguir desmobilizar a milleiros de usuarios que temos unha barreira, unha fronteira de pago para entrar e saír da casa tódolos días, que temos conciencia de que se está cometendo unha inxustiza social cunha parte importante da poboación obrigada a atravesar a Ponte de Rande por razóns de traballo, sanitarias ou de estudios diariamente.

 

7.- Da privatización de ENA que se aveciña podedes quitar os datos do Boletín informativo ou preguntar nesta rolda de prensa.

Resulta verdadeiramente escandaloso que a Xunta de Galicia renuncie a que algúns beneficios do grupo ENA revirtan nos propios galegos, reclamándolle ó goberno central a supresión da peaxe de Rande e a remodelar as tarifas entre Pontevedra e Vigo que duplican ou triplican ás doutros tramos da A-9 ou outras autoestradas.

Resulta escandaloso que os galegos aportemos ó grupo ENA o 70% dos beneficios anualmente e a Xunta permaneza pasiva ou mentindo cada vez que facemos unha mobilización.

Hai dous días o novo conselleiro Núñez Feijóo declaraba que a Xunta “continuaba haciendo gestiones para lograr la eliminación total del peaje...” e Álvarez Cascos no mesmo día afirmaba que ignoraba o que facía a Xunta.

A privatización de AUDASA non beneficiará ós usuarios, nin ás empresas, nin á sociedade galega.

Somente beneficiará ó goberno central e ós compradores.

Os perdedores seremos os usuarios e a Comunidade autónoma.

¿Por qué se argumenta sempre que “no hay que romper el equilibrio enocómico de la concesionaria” cando é ben sabido que desde hai varios anos os beneficios son impresionantes? Concretamente no ano 2002 aí tedes os datos: AUDASA 8.600 MILLÓNS DE PTS DE BENEFICIOS

ENA 12.800 MILLÓNS

A PRIVATIZACIÓN supoñerá máis de 1.500 millóns de euros ou de 250.000 millóns de pesetas que emigrarán de Galicia sen recibir nada a cambio.

Dúas palabras sobre o BONO PEAXE que inventou a Xunta e que nos autopagamos os propios galegos nunha autoestrada competencia do Ministerio de Fomento, algo insólito como lle dixemos ó Sr. Cascos. Fágalle un favor á Xunta que se comprometeu coa cidadanía a pagar a algúns usuarios, con milleiros de trabas burocráticas, que non poden solicitar as empresas, nin o transporte de viaxeiros, que xa non se pode solicitar ata finais de ano. Onte mesmo rematou o prazo por decreto.

Que non vale para a unidade familiar porque é persoal e intrasferible, que se cambias de coche mañán xa te quedas sen el, etc. etc.

Somos conscientes de que VII marcha pode ser definitiva neste momento clave da privatización e a Xunta debe reaccionar. A pesares da guerra, do Prestige, ou mellor dito obrigado polas circunstancias de quedar relegado a un terceiro ou cuarto plano, decidimos lanzar a campaña máis potente das realizadas ata agora e reforzaremos a presencia nestes días nas comarcas de Vigo, Pontevedra e O Morrazo con megafonías desta banda sonora, cuñas de radio, 3.000 carteis, 10.000 boletíns e 15.000 pegatinas.

Hai un ano acudiron entre dez e quince mil persoas e agora podemos superar ese reto.

Teñen confirmado a súa asistencia numerosos deputados da oposición e alcaldes.

Haberá avituallamento con auga e refrescos, autobuses de volta gratuitos desde Rande a Moaña que é o punto de partida e lerá o manifesto un persoeiro do mundo da cultura, do cine, que desvelaremos nun par de días.

Outras veces estiveron ANTÓN REIXA, MORRIS, SUSO DE TORO ou outros, aportando o seu papel solidario.

Se MANU CHAO estivera aquí el sería o invitado porque a súa canción de MENTIRA vai ser tamén protagonista. A última vez que contactamos con el estaba en París, cando lle falamos do proxecto da cuña publicitaria.

Será a campaña máis potente e, sobre todo, máis sonora desta Plataforma que sempre tratou de sumar esforzos e actúa sen complexos porque e ten un apoio case unánime da sociedade galega e somentes crea contradiccións no goberno da Xunta e no goberno central.

Gracias pola vosa presencia e solicitámosvos que esteades presentes o sábado 5 ás cinco para comprobar in situ os milleiros de persoas que camiñaremos para que se resolva esta inxustiza.