FESTA POLA SUPRESIÓN DA PEAXE –NOTA DE PRENSA-

 O Morrazo merece unha festa

(Da intervención de Méndez na reunión)

         “As xentes do Morrazo merecemos unha festa, despois de oito anos de reclamacións”… É certo que tamén a merecen un grupo de veciño@s de Vigo, de Chapela, Vilaboa ou Pontevedra que sempre viñeron a participar nas marchas a pé camiñando entre Moaña e a Ponte de Rande convertendo aquelas manifestacións en históricas.

         E dentro do Morrazo, Moaña foi o centro, non nos cabe dúbida.

Un recoñecemento merecido dando as gracias a tod@s

          As Asociacións de veciños, culturais, colectivos, asesores, xornalistas, actores, músicos, humoristas, fotógrafos, os medios de comunicación e outros que colaboraron con esta reivindicación merecen un recoñecemento público e váiselle facer.

         Na reunión da plataforma celebrada na Casa do Mar de Moaña darase a coñecer o programa da festa con todo luxo de detalles, deixando algunhas sorpresas para o momento mesmo da súa celebración.

Informarase sobre a financiación da mesma que ronda os 30.000 € e sobre as colaboracións de Institucións, entidades e empresas que se relacionan por orde de importancia: Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, Concello de Moaña, Caixanova, Rodman, Fandicosta, Frigoríficos del Morrazo, COVSA, A MOA – TÉCNICA e José L. Álvarez Souto.

Debido ó alto custo dos gastos poñeranse en circulación 1.000 bonos de 10 € para que todos os usuarios, especialmente os que disfrutaron do bono peaxe nos últimos anos, poidan achegar a súa colaboración en establecementos de Moaña nos que estarán depositados ou na conta que a plataforma mantén en Caixanova.

Distribuirase un díptico sobre O ACORDO DA SUPRESIÓN EDITADO POLA XUNTA entre os asistentes, cinco mil octavillas para distribuir polo Morrazo anunciando o programa da festa e colgaranse unha ducia de bandeirolas no paseo marítimo de Moaña.

O acontemento permitirá homenaxear a moita xente que colaborou nos pasados oito anos, asociacións que aportaron o seu gran de area, empresarios, políticos, artistas, escritores, deseñadores gráficos e un longo etc. nun número de cen escollidos nas reunións preparatorias da festa. Non estarán todos nin todas, pero este homenaxe quere facerse extensivo a todos os que apoiaron esta iniciativas desde comezos de 1998. Como xa é sabido entregaraselle a cada un deles unha “Ponte de Rande” libre de peaxe realizada por Sargadelos, que, precisamente, financiará o concello de Moaña coa súa colaboración.

Adxuntamos a continuación un guión aproximado do que será a propia festa:

Celebrarase no palco da música do paseo marítimo de Moaña o sábado 24 de xuño  a partires das 21, 15 horas.

Guión previsto:

(As entregas dun cento de Pontes de Rande “libres de peaxe” entre o norte e o sur da Ría de Vigo,  irán acompañadas de proxección de fotos e vídeos en pantalla xigante nos intermedios).

Presentarán: Loreto Costa, xornalista da TVG e Fran Paredes, actor de teatro.

21,15 h actuación dos Carunchos.

22 h. 1ª entrega de galardóns Para os primeiros que comenzaron coa reivindicación – Ex alcalde de Cangas Euloxio López, ex alcalde de Moaña Cándido Pena, representantes das Federacións de AAVV de Moaña, Vigo, Pontevedra, comunidades de Montes, deseñadores da publicidade, Antía Cal …(despois falará un minuto en nome dos premiados Antón Reixa)

Escoitase a canción da Plataforma do ano 1999 ilustrada con imaxes dos galardonados e das manifestacións.

22,15 h. 2ª entrega de galardóns  Detidos: Antonio Sangabriel, Víctor Pastoriza, Insubmisos: Moisés Currás, Pablo Currás, alcaldes ou ex alcaldes das comarcas do Morrazo, Vigo e Pontevedra (fala un minuto o alcalde de Moaña)

22,30 h. actuación dos regueifeiros Luis “O Caruncho”, Benito Lobariñas e Pinto de Herbón.

22,45 h. 3ª entrega de galardóns Asesores da Plataforma, Xornalistas, fotógrafos, humoristas,  Medios de Comunicación, (fala un minuto Antonio Cascante, un avogado do gabinete xurídico da  Plataforma)

22,55 h. Proxección  de imaxes e música no intermedio

23 h. 4ª entrega de galardóns para as  empresas que colaboraron, actores de teatro como Antonio Durán “Morris” e outros,  Asociacións, …(fala un minuto Suso de Toro)

23, 10 h. actuación do Mago Antón

23,25 h. 5ª entrega de galardóns  Deputados e deputadas que asistiron ás marchas Están convidadas outras conselleiras como a de Cultura e a de Pesca (fala un minuto a Conselleira de Política Territorial)

23, 40 h.  Proxección do DVD do acordo da supresión da peaxe

23,45 h. 6ª e última entrega de galardóns Directivos e ex directivos da Plataforma  (fala un minuto o Presidente da Plataforma Manuel Méndez)

24 h. Actuación de Xosé Manuel Budiño (é posible que poidan cantar algúns artistas en plan sorpresa.)

 

                                                      Moaña a 16 de xuño de 2006

                                                   A Xunta Directiva da Plataforma