A PLATAFORMA RECLAMA QUE SE DEIXE DE UTILIZAR ELECTORALMENTE O TEMA DA PEAXE DE RANDE E QUE SE CUMPRAN OS PROGRAMAS

 

Reunida a directiva da Plataforma cidadá pola supresión da peaxe no día de onte para analizar a situación das demandas unánimes da sociedade do sur de Galicia e as manifestacións do Partido Popular de Galicia, as do Presidente da Deputación de Pontevedra e as dos dirixentes socialistas, acordou facer público o seguinte comunicado:

A Plataforma reclama que se deixe de utilizar electoralmente o tema da peaxe de Rande e que se cumpran os programas. Recoméndalle aos que pasan en coche oficial pola Ponte de Rande que deixen de utilizar electoralmente a peaxe coma unha arma arroxadiza entre uns e outros e que fagan algo dunha vez.

Houbo un documento institucional do 10 de febreiro do 2000 no que estaban todos de acordo en reclamar ao Ministerio de Fomento a reducción da tarifa entre Vigo e Pontevedra nun 50% -despois da rebaixa tan cacareada dun 19,13%, acordada días antes polo consello de ministros, incrementando a concesión en 25 anos- e tamén a supresión universal da peaxe de Rande para todo tipo de vehículos.

Pero daquela o PP nos gobernos da Xunta e de Madrid non o cumpriu, así como tampouco fixo realidade as promesas anunciadas a bombo e platillo polo Sr. Rajoy ou outros persoeiros.

Pola contra, noutras comunidades autónomas, noutros tramos de autoestradas xa privatizadas suprimíronse peaxes con cargo ao Ministerio de Fomento en tramos semellantes ao de Vigo-Pontevedra (ver acordos na web da plataforma www.randeune.com, acordos tomados xa con Arias Salgado e logo co Sr. Cascos nese ministerio de fomento que é realmente o competente nestas vías.

Houbo rebaixas por decreto do consello de ministros que chegaron ao 50% coma a de Jerez-Cádiz no 2001 e negativas a remodelar as tarifas da AP-9 que curiosamente reclama hoxe mesmo a Deputación en mans do PP en Pontevedra.

As contradiccións son evidentes. Realizouse unha privatización do grupo ENA, na que estaba incluída a AP-9, que aportará a maioría dos beneficios do grupo (perto dun 70%) ata o ano 2048 sen ningunha contrapartida para Galicia. Daquela era perfectamente viable renunciar a unha parte dos 1.600 millóns de € que ingresou o Estado e resolver estes problemas que estaban plantexados desde había tempo.

No momento actual os deputados socialistas piden tempo para o “estudio que din que se está a realizar” sobre a Ponte de Rande e que mentras tanto se manteña o bono-peaxe ou se xeneralice para todos con cargo aos presupostos da Xunta e das Deputacións, cando eles votaron en contra sistematicamente deste sistema.

É urxente que os deputados socialistas e o candidato a presidente da Xunta, Sr. Touriño lle expliquen en Madrid a inxustiza social que padecemos desde hai 24 anos os usuarios do sur de Galicia e que debería ser o Estado o que se fixera cargo de rescatar as peaxes onde non hai alternativa, caso de Rande, ou remodelar as tarifas porque é o competente nestas autoestradas segundo a lexislación vixente e, sobre todo, porque foi o que ingresou a pasta da privatización.

Mentras a Sra. ministra de fomento non teña unha boa información da inxustiza que existe aquí non haberá unha solución satisfactoria para os usuarios.

Xa vai alá un ano do goberno de ZP e o tempo pasa deseguida. Os pasos que se deron neste tema en Galicia por parte dos socialistas foron nulos ata o de agora. Estivo ben apoiar as marchas pola supresión, as manifestacións en contra da privatización e outras, pero agora falta o máis importante: a solución definitiva na que todos estamos de acordo.

Por parte da Xunta, parcheouse a situación co bono-peaxe que é minoritario e non vale para tódolos usuarios como ben sabemos. Púxose en marcha debido á presión social e a tantas promesas incumpridas, non nos engañemos.

A Plataforma seguirá reivindicando a única solución sensata e urxente á problemática actual, é dicir, a supresión de Rande e a rebaixa do 50% no tramo Vigo-Pontevedra, porque é evidente que os usuarios non imos permanecer pasivos ata o fin da concesión. Sería cousa de parvos pagar o dobre ou o triple que noutros tramos, ou pagar peaxe sen ter outra alternativa á Ponte de Rande eternamente.

 

O Morrazo, a 30 de marzo de 2005

A XUNTA DIRECTIVA