O DIRECTOR XERAL DE “BOMBEIRO”

 

Chegou a Cangas por sorpresa porque tiña medo a que os cidadáns –que lle pagamos o salario e a peaxe incluso- estiveramos escoitando ou vendo de qué cor era a tarxeta fotocopiada que traía no peto.

            Chegou Ó Morrazo sen avisar porque lle podiamos lembrar as súas palabras do mes de maio do ano pasado cando nos contestou no parlamento que “os veciños do Morrazo teriamos arranxado o poblema nun par de meses”. Un conto parecido a este de agora.

 El xa coñecía a nosa “ter-jeta” desde hai tempo e naquela ocasión, precisamente en Cangas, non a quixo coller. Daquela levoulle ó xefe –Sr. Cuíña- un exemplar do Intervíu no que aparecía unha reportaxe da loita dos veciños a favor da supresión da peaxe de Rande. Non tivemos ocasión de preguntarlle pero debeu facer ben o recado.

   Veu mostrarnos, para asombro dos que se poidan aínda asombrar, unha fotocopia en color con tonos azuis do noso mar e coa Ponte de Rande de fondo que une as beiras da ría e nos segue discriminando coa peaxe. Falounos de discriminación positiva hacia os veciños que non temos outra alternativa e a min como muller non me vai eso.

   Aquí no Morrazo esta reivindicación non é un incendio e non facía falta un “bombeiro”. Aquí hai que pagar por entrar e por saír, por ir traballar ou por vir toma-lo sol. Aquí reclamamos con xustiza que nos quiten esa fronteira con barreiras, que nos liberen dese imposto que perdeu a súa vixencia co paso dos anos porque a ponte está pagada e ben pagada.

   Aquí botándolle contas sáennos moitos euros das nosas economías familiares que sobrarían para pagar o mantemento dese anaquiño de “autoestrada” ¿? cos impostos de circulación, da compra dos vehículos ou dos combustibles.

   Un saúdo ós bombeiros de verdade e que saiban que deben vir coas sinais acústicas e luminosas ó Morrazo para non pagar peaxe. Audasa vai mellorando...

 

Modesta Riobó

Presidenta da Plataforma pola supresión da peaxe

ARTIGO DE OPINIÓN PUBLICADO NO FARO DE VIGO 31.03.2002