A PLATAFORMA PÍDELLE Ó ALCALDE DE VIGO QUE TRATE O TEMA DA SUPRESIÓN DA PEAXE DE RANDE CO MINISTRO CASCOS NA SÚA PRÓXIMA VISITA A VIGO.

 

Con motivo da visita a Vigo do Sr. Álvarez Cascos, o vindeiro día 18, a Plataforma cidadá pola supresión da peaxe solictoulle ó Alcalde de Vigo que trate este tema co Ministro dadas as condicións favorables que se dan nestes momentos.

Non se pode deixar de plantexar unha reclamación que lle solicitan milleiros de persoas, vigueses e cidadáns da área metropolitana como vostede ben sabe e coñece por estar presente na última marcha a favor da supresión na que nos xuntamos máis de dez mil persoas por sexta vez.

Non se pode permanecer calado neste tema cando milleiros de cidadáns non teñen máis alternativa que a famosa Ponte de Rande –símbolo precisamente da súa cidade- e que se está convertindo nunha barreira que só se levanta apoquinando euros desde hai 22 anos.

Para máis datos, lembrámoslle a grande expectación que espertou a privatización de ENA ente as grandes constructoras e na que tamén queren entrar CAIXAGALICIA e CAIXANOVA cunha pequena porcentaxe.

A valoración de ENA en 1.500 millóns de euros –250.000 millóns de pts.- que maioritariamente aportaremos os galegos nos vindeiros cincuenta anos debe ter unha boa compensación. Como mínimo a supresión en Rande para todos e a remodelación das tarifas para que non sigan discriminando ós usuarios dos tramos Vigo-Chapela (UNHA VÍA URBANA dígase o que se diga), Vigo-O Morrazo (Na área metropolitana) e Vigo-Pontevedra  con tarifas que lle adxuntamos actualizadas nun cadro adxunto.

Xa non se trata de impedir a privatización porque parece un proceso imparable que se resolverá nos vindeiros días ou meses, pero de algo nos debería valer a opinión do goberno asturiano que afirma que a privatización tamén da súa autoestrada León-Campomanes (dentro de ENA)  é contraria ós intereses da súa autonomía e aquí o goberno galego permanece calado.

Por último, a Plataforma solicitoulle hai unha semana unha entrevista ó novo conselleiro da CPTOPV, Sr. Núñez Feijoo e información do caderno de venta que entegará a SEPI a vindeira semana ás empresas interesadas na privatización ó seu presidente Sr. Ruíz-Jarabo así como tamén a tódolos grupos parlamentarios.

Estes serán os pasos previos á convocatoria doutra gran marcha se o goberno central non é solidario coa Galicia sur e opta por ingresar tódolos beneficios das autoestradas galegas, que no ano 2002 chegaron somentes  en AUDASA ós 52 millóns de euros –8.602 millóns de pts.- Unha cifra de por si escandalosa ¿Qué razóns hai para privatizar unha empresa tan rentable? ¿Por que non se lle transfire a Galicia? Ao fin e ó cabo seguiremos pagando maioritariamente os usuarios, se non nos movemos ata o 2048.

 

                                                        O Morrazo, 8 de febreiro de 2003

                                                                        A  XUNTA DIRECTIVA