PRESENTACIÓN DA FESTA POLA SUPRESIÓN DA PEAXE

VENRES, ÁS 20 H. NA CASA DO MAR DE MOAÑA

 

A Plataforma cidadá pola supresión da peaxe convoca para o vindeiro venres, ás 20 h. na Casa do Mar de Moaña unha asamblea xeral e pública para anunciar a presentación oficial da Festa pola supresión da peaxe que se celebrará en Moaña, o vindeiro sábado, 24 de xuño a partir das 21, 15 h. da tarde.

Durante a reunión repartiranse octavillas de convocatoria da festa, o acordo da supresión da peaxe editado pola Xunta nun díptico que é un documento histórico e tamén BONOS DE COLABORACIÓN coa festa por un importe de 10 € que se decidiu poñer en circulación para sufragar parte dos gastos da festa. Desta maneira todos @s veciñ@s do Morrazo terán a ocasión de participar e de sentirse orgullos@s da súa colaboración neste momento que pretende ser o broche de ouro a oito anos de reclamacións.

Haberá un escenario montado no palco da música do paseo marítimo no que haberá música, maxia, humor e tamén será o marco da entrega dun cento de galardóns a moitas persoas, asociacións, deputados, conselleiros, alcaldes, xornalistas, fotógrafos, escritores, asesores, artistas e un longo etcétera que colaboraron nestes últimos anos coa reclamación unánime da supresión da peaxe de Rande.

A Plataforma recoñecerá a colaboración de todos eles, empresas incluidas, que fixeron posible acadar un resultado óptimo para os usuarios que circulan entre o norte e o sur da ría de Vigo sen pagar peaxe despois de vintecinco anos da posta en marcha da pronte de Rande.

O galardón será unha Ponte de Rande realizada por Sargadelos e que adxuntamos neste comunicado.

Agardando que lle prestedes atención e deades publicidade ao anuncio da reunión e tamén á propia festa, aproveito a ocasión para reiterarvos o noso agradecemento e enviarvos un saúdo a todos os medios de comunicación.

 

                                      Moaña a 13 de xuño de 2006 

 

                                               Manuel Méndez