Recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional

Advertencias da Plataforma á Xunta e ós ministros de Fomento e Facenda

 

UN PASO MÁIS.  A Plataforma cidadá pola supresión da peaxe decidiu na reunión da súa Xunta Directiva celebrada onte dar a coñecer un novo recurso presentado polo seu gabinete xurídico ante o Tribunal Constitucional como continuación do Contencioso-Administrativo que mantén diante da sala terceira do Tribunal Supremo.

  Esta batalla xurídica a favor da liberación da peaxe da Ponte de Rande para todos é unha triple advertencia porque vén a demostrar a insuficiencia dos “bonos peaxe” aprobados pola Xunta e que non solicitaron nin un 10% dos potenciais usuarios do Morrazo e unha porcentaxe ridícula de usuarios da A-9 doutros concellos da provincia.

  Advertencia tamén para o Sr. Álvarez Cascos que non se dá por enterado da existencia do problema da peaxe de Rande sen vía alternativa nin da discriminación das tarifas nos tramos da Galicia sur, a pesares dos dossieres que se lle remitiron. E, en terceiro lugar, advertencia para o Ministro de Facenda, Sr. Montoro, para que se vaia informando que cando abra o proceso de privatización de AUDASA despois do verán atoparase con este problema sen resolver e con novas mobilizacións.

  Acordouse tamén denunciar á Xunta porque nas peaxes que comezaron  a pagar a AUDASA dos usuarios que dispoñen dos bonos-peaxe, estanlle abonanado á concesionaria o 100% dos importes demostrando que non negociaron nin o 25% de desconto que xa se lles aplicaba na viaxe de volta a tódolos usuarios da antiga tarxeta da A-9. Unha demostración de que non se realizou unha boa xestión porque non lle preocupan os cartos públicos.

  Durante o verán seguiremos incidindo en que os “bonos-peaxe” non son a solución e con esta idea realizaranse algúns actos de protesta diante dos cargos públicos que visiten o Morrazo ou o sur da provincia de Pontevedra.

  Por último, tamén se realizarán murais na c-550 e continuarase o reparto masivo de pegatinas para os vehículos.

                                                                    25 de xullo de 2002