Núñez Feijóo ten que demostrar que fai algo

Na Plataforma non temos probas e non cremos nada

 

Pasou o novo conselleiro polo Morrazo no primeiro día da campaña electoral a “inaugurar as obras do Corredor do Morrazo” e afirmou respecto da peaxe de Rande que seguen traballando no tema desde a Xunta, que “hai que seguir xogando a pelota” e a nós dános a impresión que quixo botar balóns fóra.

Temos a convicción de que non quere recibirnos, como se lle pediu, para falar e discutir o tema da privatización e outros relacionados coa famosa tarxeta que ten moitísimos problemas, porque non se pode volver a solicitar ata finais de ano, porque se suprimiron os cabinas de paso automático e se producen máis retencións que antes na peaxe do Morrazo, porque non a adaptaron para pasar sen parar, como sería o lóxico, etc. etc.

Seguro que non nos recibe porque non ten argumentos e ademais os empresarios estanlle prantexando a supresión da peaxe de Rande para todos tanto a el mesmo como a Rajoy. Volverán a prantexarllo no Club Financieiro de Vigo o próximo martes e a Xunta permanece calada.

Viñeron a facer un paripé de comezo das obras do Corredor do Morrazo e os veciños afectados non temos siquera resposta ás cuestións prantexadas de reposición de danos, aterramento de pozos, manatiais de auga potable, destrucción de embalses, etc.  Foi un acto exclusivamente propagandístico e case se pode tomar a broma de mal gusto.

Vai ser un Corredor que producirá retencións quilométricas coa entrada e saída do Morrazo con peaxe se non o remedian a tempo.

Desde a Plataforma lembramos que a finais deste mes remata o partido da privatización de AUDASA  coa presentación de ofertas e estáselle acabando o tempo para que modifiquen as condicións de venta.

Tamén se lle acaba o tempo ó propio Fraga que comprometeu a súa palabra de supresión ligándoa á privatización. Logo falaremos e tomaremos decisións. Seguramente veremos a Fraga e a Rajoy acompañado da ministra de sanidade, Ana Pastor, nalgún mitin da campaña e teremos a ocasión de lembrarlle as súas promesas fotografiados o 5 de febreiro de 2000 en amor e compañía. Eles seguro que non teñen problemas cos centros de saúde nin con pagar peaxe por ir a POVISA como nos pasa diariamente ós veciños do Morrazo. Ogallá veñan os tres xuntos a Moaña a inaugurar o novo concello. Sería un bo espectáculo.

A Plataforma é consciente de que este problema pendiente de resolver satisfactoriamente vai ser utilizado na campaña electoral con novas promesas e agarda da cidadanía que non se deixe engañar unha vez máis.

                                                   O Morrazo, 10 de maio de 2003

                                                   O Presidente da Plataforma,

                                                   Jesús Cancelas Franco