|
RESPONDENDO AO SR. MANTILLA
Como persoa aludida repetidamente polo deputado Sr. Mantilla e representando á Plataforma cidadá pola supresión da peaxe teño que dicirlle que nunca quixemos entrar con el nunha polémica estéril, pero despois de escoitalo case con aires de autoritarismo reclamando a miña presencia, aquí estamos para dicirlle a este deputado elexido polos pontevedreses, vigueses e morracenses e dicirllo tamén á opinión pública, de que este Sr. votou sistemáticamente en contra da liberación da peaxe de Rande no congreso dos deputados cada vez que se presentaban propostas dos grupos da oposición, do PSde G ou do BNG desde 1998 ata 2003. Debería gardar prudente silencio, tamén por calar cando se privatizou AUDASA ou cando o goberno anterior prolongou a concesión en 25 anos no ano 2000, ou cando se suprimiron peaxes en Barcelona e Tarragona no 1999 e aquí nos quixeron contentar cunhas rebaixas. Antes, as manifestacións convocábanse por estas decisións dos anteriores gobernos do Sr. Aznar porque eran verdadeiramente discriminatorias co sur de Galicia. Manifestacións ás que acudían alcaldes e concelleiros do seu partido e deputados do PS de G ou BNG, pero a vostede non o vimos nunca. Agora, desde un ano antes, da saída do goberno do Sr. Aznar, desde abril de 2003, non se convocaron manifestacións porque o calendario marcámolo nós. Non ten que indicárnolo ningún partido político. A Plataforma ten unha estratexia deseñada e que funciona. ¿Non está acaso o tema no candeleiro? ¿Non está vivo o debate nestes momentos? Nós, por se non o sabe, reunímonos cos deputados de todos os partidos antes e tamén desde que Zapatero tomou posesión. Con Ana Pastor e Dolores Pan, con Olaia Fernández, con Antón Louro... Con todos eles intercambiamos puntos de vista sobre a situación. Despois decidimos libremente darlle unha marxe de confianza ao novo goberno da Xunta que leva pouco máis de seis meses exercendo e tamén dialogamos coa responsable de Política Territorial, a viguesa Mª José Caride para reclamarlle que cumpriran os seus compromisos... Agora convidámolo a vostede a unha mesa redonda, con motivo do xxv aniversario da Ponte de Rande, o vindeiro venres, día 17 de febreiro, na que participarán a Conselleira de Política Territorial os alcaldes de Cangas e de Moaña e eu mesmo. Alí terá a ocasión de escoitarnos a todos coas últimas novidades e, incluso, de participar no coloquio, se ten sorte. A directiva da Plataforma reunirase o vindeiro sábado para montar unha exposición sobre os XXV aniversario da Ponte de Rande na Casa do Mar de Moaña, exposición que poderá visitarse a partires do domingo, día 12 e que se irá pasando polos concellos de Pontevedra e Vigo e outros que a soliciten. Un saúdo de Manuel Méndez, Presidente da Plataforma cidadá pola supresión da peaxe.
O Morrazo, 10 de febreiro de 2006 |