|
A PLATAFORMA SEGUIRÁ RECLAMANDO A LIBERACIÓN TOTAL DA PEAXE DE RANDE Dez puntos para refrescar a memoria (23 de outubro de 2005). Por moito que agora algúns dirigentes do PP coma o Sr. Alcalde de Cangas nos digan que se “nos ve o plumeiro” como Plataforma no tema que nos ocupa e preocupa desde hai sete anos, temos que responderlle con algúns datos para refrescarlle a memoria: 1º.- Desde o ano 2000 o seu partido, o PP, veunos mareando con promesas de supresión da peaxe de Rande e con reclamar a Madrid unha rebaixa de tarifas do 50% entre Vigo e Pontevedra. Promesas e documentos asinados, precisamente por vostede, entre outros, que nunca se cumpriron. 2º.- No propio ano 2000 tomaron o acordo de prolongar a concesión a AUDASA en 25 anos sen ningunha necesidade. 3º.- O Sr. Rajoy promete o que non cumpre nos catro anos seguintes, como todos sabemos. 4º.- Mentres, noutros lugares do Estado, apróbanse por decreto supresións e rebaixas (Ano 2001, co Sr. Cascos 50% de rebaixa Jerez-Cádiz). 5º.- Na súa campaña electoral das autonómicas de 2001 págase publicidade insertando páxinas con este texto :”A supresión da peaxe de Rande é un compromiso do PP”. 6º.- No ano 2002 Fraga anuncia que coa privatización que se aveciña se liberará a peaxe de Rande e autoriza ao seu conselleiro Cuíña a poñer en marcha o famoso “BONO-PEAXE”. 7º.- No ano 2003 privatízase AUDASA sen ningunha compensación para Galicia e a Plataforma publica un Boletín informativo na que critica o bono-peaxe polas excesivas trabas burocráticas que ten pero recoñece que é un paso adiante significativo logrado pola presión veciñal e institucional. 8º.- En novembro de 2003 a Plataforma aposta claramente polo Bono-peaxe no seu boletín informativo do mes de novembro “Recomendamos a tódolos usuarios que soliciten o bono-peaxe no seu concello” , aínda que apunta os inconvenientes que ten. 9º.- Nos últimos meses o presidente da Deputación, Sr. Louzán, cuestionaba a aportación da parte que lle correspondía pagar do bono-peaxe á súa institución e tivo que insistir a Xunta e outros dirixentes, coma o alcalde de Cangas, para que cumprira os seus compromisos. 10º.- Agora coñecemos as promesas do presidente Touriño de suprimir a peaxe se chegaba á presidencia da Xunta e tamén o apoio de Zapatero á súa proposta. Deámoslle unha marxe de confianza e logo actuaremos en consecuencia. Pero mentres, que nos vaia mellorando o actual sistema do bono peaxe que non podemos usar como unidade familiar, que non queremos que sexa unha subvención que hai que declarar a facenda, que sexa válido para o transporte público e as empresas, que se elimine tanta burocracia para solicitalo e, por último, ¡que raro!... Pedimos algo que quere o PP agora que non gobernan en Madrid: “Que sexa financiado polo Ministerio de Fomento” para aforrarlle cartos á Xunta e á Deputación que nunca deberon tomar o acordo de pagalo con cartos de tódolos galegos, como dixemos tantas veces. Un saúdo de, Manuel Méndez, Presidente da Plataforma cidadá pola supresión da peaxe.
|