A PLATAFORMA TEME QUE CASCOS INTENTE “MAREA-LA PERDIZ” e convoca unha asamblea xeral

 

A xunta Directiva da Plataforma cidadá pola supresión da peaxe reunida no día de onte valorou a entrevista mantida polo titular de Fomento e tomou os seguintes acordos:

1.- Convocar unha asemblea xeral o vindeiro día 28 na Casa do Mar de Moaña na que se analizarán os temas de actualidade para dar participación a tódolos interesados e tomar as decisións o máis democráticamente posible.

2.- Acordouse tamén a edición dun novo Boletín informativo no que se recollan as propostas de viabilidade da supresión da peaxe de Rande basadas nos datos económicos de AUDASA e do grupo ENA e na inexistencia de vía alternativa na área metropolitana de Vigo. Incluiranse tamén as numerosas promesas realizadas polos responsables da Xunta, dos Alcaldes os e ministros do goberno central.

3.- Comezar as xestións para ser recibidos pola dirección da SEPI e plantexarlle a necesidade de que se contemplen estas demandas no prego de condicións que está a elaborar neste momento. Recomendación realizada polo Sr. Cascos.

4.- Reclamar da Xunta o cumprimento do decreto no que se regulamenta o Bono-peaxe dado que existen numerosas trabas burocráticas para que cheguen as tarxetas ós solicitantes no prazo que se contempla de dous meses e que non se cumpre. Denunciar que algunhas tarxetas aparecen da noite para a mañá como “inoperativas” sen razóns de ningunha clase e os usuarios atópanse con moitos problemas.

5.- Propoñer á Asemblea xeral a integración na Plataforma NUNCA MÁIS e mostrarlle o apoio á manifestación de Madrid e outras actividades que programe.

Por último, afirmar ante a opinión pública que o Ministro Cascos non aceptou ningún compromiso claro de defender a supresión da peaxe da famosa Ponte de Rande para todos que dependera do seu ministerio e que nos remitiu á SEPI e a volver a manter outro encontro con el mesmo para ver a maneira de solucionar este tema mediante un plantexamento de liberar de peaxe un “blucle metropolitano”, como acceso e saída de Vigo e a remodelación das tarifas no momento da privatización. Un tema que segundo el depende da SEPI e doutros ministerios.

A Plataforma quere mostrar a súa desconfianza e teme que se trate de “marea-la perdiz” ante a convocatoria das próximas eleccións municipais e todo quede nunha manobra electoralista que non dea os froitos que todos desexamos.

                                                      A XUNTA DIRECTIVA

                                                      20 de febreiro de 2003