SE É ESA A SOLUCIÓN: ¡Adiante, póñanse a traballar no ministerio de fomento e non nos engañen máis!

 

         A xunta directiva da Plataforma cidadá pola supresión da peaxe despois de valorar as propostas anunciadas polo conselleiro de política territorial e polo PSOE sobre a futura construcción dunha alternativa á AP-9 entre Pontevedra e Vigo, que tería como consecuencia a liberalización da peaxe  actual, alternativas coincidentes no fondo, acordou facer pública a seguinte nota:

         Se é esa a solución, non perdamos máis tempo. Adiante e póñanse a traballar no Ministerio de Fomento.

         Reclamamos un acordo do consello de ministros no que se contemplen os estudos de viabilidade da proposta, os acordos coa concesionaria, o proxecto de trazado, a circunvalación de Pontevedra, os presupostos e os prazos de construcción.

         Non entramos a valorar máis en profundidade as propostas anteriores porque das promesas electorais xa estamos fartos desde o ano 2000.

         Os responsables do PP tiveron tempo dabondo para resolver o tema destas peaxes inxustas e, incluso, oportunidades magníficas como foi a privatización do grupo ENA e non o fixeron.

         Os responsables do PS de G deben saber que noutros lugares do Estado, neste último ano, estivéronse producindo acordos por escrito entre o Ministerio de Fomento e as concesionarias ou diversos territorios ou autonomías e aquí en Galicia non hai máis que palabras.

         Mentras tanto, solicitamos tanto da Xunta como dos responsables de fomento a mellora do “Bono-peaxe”, unha medida que aminorou a inxustiza que supón un paso obrigado pola Ponte de Rande, pero que ten aínda moitas trabas burocráticas como a non validez para os usuarios do tramo Pontevedra-Vigo, a non validez para o transporte de viaxeiros, as empresas, a non validez para a unidade familiar, etc. etc.

         Agardamos feitos concretos e seguimos abertos ao diálogo coas institucións e cos representantes políticos de tódolos grupos coma sempre dado que o problema existente aféctanos a todos.

 

                                                                      O Morrazo, 1 de xuño de 2005

                                                                      O Presidente, Jesús Cancelas Franco