TARXETA A9   BONO-PEAXE

 

Comeza unha nova etapa na reclamación unánime a favor da supresión da peaxe da Ponte de Rande. Agora, e xa era hora, a Xunta acaba de poñer nas mans duns poucos usuarios hoxe mesmo a famosa “tarxeta” para uso exclusivo dos que fagan o itinerario entre O Morrazo e Vigo ou viceversa e que cumpran unha morea de condicións.

 

Condicións tan incongruentes como a de non contemplar a unidade familiar no uso do vehículo, dado que “a utilización da tarxeta é persoal e intransferible”  e no caso de uso por outra persoa que non sexa a titular do vehículo será considerado un uso fraudulendo e conlevará a retirada da mesma.

 

Non poideron solicitala as persoas xurídicas, é dicir, empresas, comercio, industria, etc. porque quedaron excluídas por decreto.

 

Non valerá para os que realicen menos de 10 viaxes por mes nin máis de 80.

 

Tampouco valerá para que che desconten o paso pola Ponte de Rande se viaxas de Vigo a Pontevedra ou viceversa polo que esa tarifa seguirá sendo discriminatoria e pagaremos o dobre en euros/km que no resto da A-9 e o triple que na do Val Miñor.

 

Total que seguiremos pagando todos a peaxe pero doutro xeito. Cos nosos cartos pero que agora serán aportados pola Deputación e a Xunta que se nutren do diñeiro de todos. Incluso van pagar estas “subvencións” os que non van disfrutar dese pase gratuito por Rande.       

 

Con este “parche autóctono” parece que a Xunta renuncia a reclamar do goberno central a supresión da peaxe de Rande como acordou unanimemente o Parlamento Galego ou como debería ser porque non existe vía alternativa entre o norte e o sur da Ría de Vigo. Sería ben triste.

 

É evidente que agora se vai demostrar, na práctica, como non se cumpriron as expectativas creadas con tantas promesas. Os “bonos-peaxe” van ter un uso minoritario e os que o reciban non quedarán nin satisfeitos e menos cando o 1 de novembro teñan que renovar tódolos certificados de estar ó día no pago con tódalas administracións e no ano que vén incluir esas cantidades ingresadas na declaración da renda.

 

Rande une e a tarxeta segue discriminando.

                                                                  

 

13 de maio de 2002                                                                   Manuel Méndez