UNHA PRIVATIZACIÓN ESCANDALOSA

 

  A Plataforma cidadá pola supresión da peaxe califica de escandalosa a privatización de ENA por non aproveitar o proceso para que Galicia recibira algunhas contraprestacións como remodelar as tarifas nos tramos que son máis discriminatorias e beneficiar así ós usuarios que as sofren diariamente nos diferentes tramos entre Vigo e Pontevedra e pola non contemplación das supresións de peaxes en áreas metroplolitanas, como é o acceso a Vigo a través da ponte de Rande que non conta con vía alternativa.

  Criticamos o nulo peso político da Xunta de Galicia ante o goberno “amigo” de Madrid que ingresará máis de 280.000 millóns de pesetas na súa maioría de peaxes que pagaremos os galegos ata o 2.048. ¿De que valeron os acordos do parlamento galego que non se cumpriron?

  A Plataforma denuncia “a mentira como cartel electoral”  utilizada polo Sr. Fraga hai poucos días en Cangas ou hai máis dun ano anunciando a supresión da peaxe de Rande cando se privatizara AUDASA, por non falar de outra de hai máis de tres anos realizada polo vicepresidente Rajoy.

  Criticamos o oscurantismo do proceso por negarnos a SEPI información sobre as condicións de venda e por practicar a covardía de retrasar o proceso xusto ata despois das eleccións municipais.

  A Plataforma solicitará entrevistas ó máis alto nivel coas entidades galegas que entraron na compra, cos señores José L. Méndez e Gayoso, de Caixagalicia e Caixanova para analizar o proceso, as condicións en que van quedar as peaxes e para manifestarlle as reclamacións unánimes das áreas metropolitanas de Vigo, O Morrazo e Pontevedra.

  En segundo lugar, promoverá un debate riguroso no que participen técnicos, economistas e sociólogos no que se analicen as consecuencias para Galicia nos vindeiros cincuenta anos.

  Por último, a Plataforma retomará a vía institucional reclamando que os novos concellos asuman o papel de defensa dos seus veciños que se sinten agraviados con estas peaxes inxustas nas áreas de Vigo, O Morrazo e Pontevedra.

                                                

                                                          O Morrazo, 29 de maio de 2003

                                                                    O  Presidente 

 

                                                          JESÚS CANCELAS FRANCO