A PLATAFORMA VALORA POSITIVAMENTE
O ACORDO
ENTRE BNG E PSOE NO CONGRESO DOS
DEPUTADOS
A Plataforma cidadá pola supresión da peaxe acordou valorar
positivamente o acordo entre os deputados presentes na comisión de Fomento do Congreso
dos Deputados polo que se insta ao goberno a realizar un estudio sobre as
posibles solucións que poden ter tanto a supresión da peaxe da Ponte de Rande
como a remodelación das tarifas no tramo Vigo-Pontevedra establecendo un prazo
de seis meses.
A abstención dos deputados de PP que propuxeron que fora o
goberno central o que financiara o bono-peaxe non a entendemos, como tampouco
se entendía nos últimos seis anos o seu voto sistemático en contra das
iniciativas dos grupos da oposición. Se unha peaxe é inxusta hai que defender a
súa supresión e non recurrir a “subvencionarlla a uns milleiros de usuarios”
aínda que sexan efectivamente perxudicados. A solución debe ser universal
porque todos temos os mesmos dereitos.
A Plataforma ten vontade de resistir nesta longa marcha a
favor da supresión da peaxe e mantén a esperanza de que nos vindeiros meses se
acade unha solución que poida aplicarse a comezos do 2005.
Respecto das advertencias feitas pola Xunta de Galicia de
que podería deixar de financiar o actual sistema do bono-peaxe queremos
subliñar que este sistema foi inventado pola propia Xunta por non reclamar ao
goberno central nos últimos anos a solución a un problema da AP-9 que era de
competencia estatal, incluso en momentos tan favorables como a privatización de
ENA por máis de 1.600 millóns de € ou cumprindo a célebre promesa de Rajoy na
anterior lexislatura.
Queremos lembrar tamén que a propia Xunta e a Deputación de
Pontevedra ratificaron hai poucos meses un acordo para a financiación do bono-peaxe
ata o 31 de decembro de 2005 e ata que se produciu un cambio de goberno en
Madrid ninguén lle poñía data de caducidade. Agora toca cumprir os compromisos
adquiridos tanto por parte das institucións autonómicas como do goberno
central.
A Plataforma reiterará ao actual goberno de Zapatero o
cumprimento das súas promesas electorais tal como o fixo cos anteriores e
agarda que este compromiso acadado nos pasados días non quede en papel mollado.
O Morrazo, a 25 de xuño de 2004
O PRESIDENTE,
Jesús Cancelas Franco